Agustín Hernández evita comprometerse a cumprir a sentenza do TS e anular o Plan Sectorial de Ence

A deputada Carme da Silva pide máis contundencia e que se aclare se se vai modificar a Lei de Costas ad hoc para que Ence poida perpetuarse na ría de Pontevedra

Santiago de Compostela 9 Maio 12.- O conselleiro de Medio Ambiente e Territorio, Agustín Hernández, evitou hoxe comprometerse en pleno, en resposta a unha iniciativa do BNG, a facer efectiva a reciente sentenza do Tribunal Supremo pola que se debe anular o acordo da Xunta de 2003 que aprobou o Proxecto Sectorial de Ence así como as autorizacións ambientais integrais para consolidar a pastera na ría de Pontevedra.

Carme da Silva afirmou que con esta “non resposta” o conselleiro perdeu unha oportunidade magnífica de demostrar á sociedade pontevedresa que o PP está realmente comprometido con que Ence desapareza da ría e que cando o conselleiro ou o propio Feijóo se manifestan neste sentido as súas declaracións son certas, non “simples palabras que non significan nada”.

A este respecto, a deputada do BNG denunciou a tibieza e ambigüídade do presidente da Xunta sobre unha posíbel modificación da Lei de Costas “colaboracionista” con Ence para que se poida perpetuar na súa ubicación en Pontevedra.

“Vostede hoxe –advertiulle a Hernández- tiña que anunciar actuacións contundentes contra a pastera e aclarar as palabras de Feijóo, máis semella que prefire erixirse en defensor dos intereses da empresa fronte aos intereses dos veciños e veciñas”.

Para a parlamentar nacionalista, as evasivas do conselleiro na súa resposta, aludindo a que Ence vai cumprir a lei, despertan os peores agoiros, pois non é a primeira vez que se modifica a lexislación ad hoc para os intereses da empresa e agora semella que pode pasar o mesmo a través da modificación da Lei de Costas.

Da Silva insistiu en que é moi sinxelo acabar cos posicionamentos tibios e ambigüos, só cómpre que se publique no DOG a orde do goberno para cumprir a sentenza do Tribunal Supremo.

Con este fin, para que haxa claridade e a Xunta sexa contundente na súa actuación con Ence, a deputada rexistrou unha serie de novas iniciativas para debatir na Cámara galega.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]