Feijóo, ou muda as súas políticas ou o mellor servizo que lle pode prestar a Galiza é marchar
Ana Pontón asegura que o único logro do presidente é triplicar o incremento medio do paro en Galiza
Santiago de Compostela, 9 Maio 12.- A portavoz do G.P do BNG, Ana Pontón, emprazou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que recoñeza o fracaso da súa política e que o seu único logro até o de agora foi triplicar o incremento medio do paro en Galiza, mentres descende lixeiramente no Estado.
“277.644 persoas –engadiu- que están privadas do dereito ao traballo e que merecen algo máis que palabras baleiras ou anuncios de leis como o que acaba de facer agora (Lei de Inclusión Social), sen orzamento e sen base real, pura estratexia para seguir fuxindo do debate sobre o paro”.
Ana Pontón, na sesión de control ao goberno, advertiu a Feijóo que ten que deixar a “cantinela” de que en Galiza as cousas van mellor que non resto do Estado, porque é “radicalmente falso” e porque de non mudar as decisións e o rumbo da súas políticas, “se continúa a piñón fixo coa súa obsesión pola austeridade acabará levando o País ao precipicio”.
Cambie ou márchase
Para a parlamentar, é responsabilidade do presidente poñer medidas enriba da mesa para mudar a situación e se non está disposto a facelo “o mellor servizo que lle poder prestar a Galiza é marcharse”.
A voceira nacionalista preguntouse que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta se dea conta da gravidade da situación e de que está arruinando Galiza.
“Vostede fiou toda a estratexia á política de recortes sociais, a desentenderse de buscar solucións para sectores estratéxicos como o naval, paralizar outros sectores tamén moi importantes para o desenvolvemento da nosa economía como o eólico ou permitir que se venda Nova Galicia Banco a 1 euro”.
Anuncios baleiros
Neste contexto, no que Feijóo é coñecido como o “gran recortador”, non é críbel que veña á Cámara a facer dous anuncios como o da Lei de Inclusión ou dunha Axencia Tributaria Galega, polo que lle pediu que deixe de autoenganarse e de enganar aos galegos e galegas, asuma a realidade e “amósese disposto a mudar, pero mudar de verdade.
Para a parlamentar, cómpre lembrar que a realidade da austeridade fracasou, porque agravou a crise, xerou máis paro e máis desigualdades, de feito, segundo os últimos dados da EPA un de cada cinco galegos en idade de traballar está no paro.
“Austeridade selectiva, iso si, pois mentres recortan 10.000 millóns en sanidade e educación, entregan eses cartos á banca privada, xestionada por antigos ministros do PP. A súa obsesión, señor Feijóo, non é loitar contra o paro senón ser útil á estratexia do seu partido e xa vemos cal é o resultado”, concluiu.