O BNG "supende" a xestión de Hernández ao mando do MATI

A portavoz de Vivenda do BNG, Isabel Sánchez Montenegro denunciou a redución do 32% e afirmou que  no resto do Estado “aumentan as axudas”

Santiago de Compostela, 8 de maio  , 2012.-Pleno.  A portavoz de Vivenda do BNG, Isabel Sánchez Montenegro denunciou, hoxe en sesión plenaria, un recorte do 32% para rehabilitación de vivendas, mentres no resto do estado “aumentan” os fondos que se destinan a  esta actividade.

Trala comparecencia parlamentaria do conselleiro do MATI para informar das liñas de apoio á rehabilitación de vivendas, a nacionalista atribuíu ao titular  de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas un “suspenso en xestión” que estendeu a actual Xunta en materia de vivenda.

Ademais, a deputada acusou de “total pasividade” a administración galega por frear o impulso das reformas legais e necesarias na “dación en pago”.

Mellora do texto da lei de Vivenda

Por outra parte, Sánchez tamén recriminou que os orzamentos destinados a vivenda experimentaran unha rebaixa do 57% en relación ao ano 2009 e reclamou “diálogo” sobre o proxecto de lei de Vivenda ao que o propio Consello  Económico e Social dirixe diversas recomendacións relacionadas coa rehabilitación.

A parlamentaria cualificou de “exercicio de maxia” o baile de datos e cifras de Agustín Hernández, cando en realidade,dixo, “empregan máis orzamento para axudas que o total destinado a rehabilitación”, neste sentido, denunciou os casos de solicitudes “pendentes de cobro” dende a convocatoria do ano 2010.

Infra-vivendas

Sobre as axudas para rehabilitación de infra-vivendas destinadas á mellora de condicións de vida das familias con menos recursos, Sánchez asegurou que, mentres o anterior goberno empregaba 7 millóns de euros para a erradicación da infra-vivenda, na actualidade, afirmou, o orzamento é “cero euros” .

A deputada do BNG reiterou a necesidade de retomar  o diálogo para acadar “acordos” que melloren o proxecto de Lei de Vivenda que na –súa opinión- “non aposta pola rehabilitación e conservación” do parque de  vivendas existente e concluíu, á súa intervención, reclamando restitución do “fondo social de vivendas”.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]