Viéitez acusa ao Goberno de non xestionar o Tax Lease e poñendo en "grave perigo" o Sector Naval

O deputado do BNG, Henrique Viéitez afirmou que o proceder da Xunta responde a un “pacto tácito” para destruír o sector naval galego

En resposta ao BNG, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, empraza  a políticos, sindicatos e cidadanía galega e española a unha mobilización  na Gran-Place de Bruxelas para buscar unha solución

Santiago de Compostela, 27 de abril  , 2012. O deputado do BNG, Henrique Viéitez formulou hoxe unha pregunta parlamentar na comisión de Industria ao fin de coñecer as xestións realizadas polo Goberno galego para resolver o procedemento actual do arrendamento fiscal español na construción de buques coñecido como  “Tax Lease”.
 
Na súa intervención, o nacionalista afirmou que ante os últimos datos, o Goberno galego non está a xestionar alternativas a este procedemento o que pon  en “grave perigo” a viabilidade do Sector naval galego.

Viéitez lembrou que dende o mes de xullo permanece bloqueada toda posibilidade de poder optar a novos contratos utilizando un sistema de arrendamento fiscal en substitución do “Tax Lease” o que está a levar ao sector naval,-afirmou-, a “súa destrución” fundamentalmente na ría de Vigo.

O parlamentario explicou que o sector naval leva demostrado a “súa  gran suficiencia”, a pesar dos sucesivos intentos de desmantelamento ao que hai que sumar  “o gran fracaso” do Goberno galego  ante os “nulos resultados “das negociacións con Bruxelas.

O deputado afirmou que, o Goberno galego continúa realizando anuncios que posteriormente son “desmentidos polo propio sector” como o formulado polo Conselleiro de Industria en comparecencia pública na que afirmou que “tras sucesivos  aprazamentos  o Tax Lease entrará en vigor a finais de abril”. Hoxe mesmo, dixo o nacionalista, “os estaleiros galegos urxen a unha cimeira con Rajoy ante o nulo avance desta negociación”.
 
Asemade, criticou que o Goberno galego minta sobre as negociacións  en Bruxelas porque en realidade, foron “reunións técnicas” das que non existe “ningún documento aprobado”.

O parlamentario do BNG insistiu en que existe “un pacto tácito para destruír o sector naval galego” e voltou a pedir responsabilidades ao Goberno galego por non ter presentado ningunha alternativa ante os órganos competentes.

Industria convoca unha mobilización en Bruxelas

En resposta ao  BNG, o director xeral de Industria, Angel Bernardo Tahoces  emprazou a “todos os grupos da Cámara, Goberno da Xunta de Galiza, estaleiros e a sociedade galega e española a facer unha grande mobilización na Gran-Place de Bruxelas  solicitando unha solución urxente e inmediata a este problema”.

Para  o parlamentario nacionalista, a convocatoria desta gran mobilización, por parte do responsable de industria, é “unha mostra evidente e manifesta da incompetencia do Goberno galego para defender o sector naval”.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]