O BNG advirte que o decreto de atención á diversidade abre a porta á segregación
Carme Adán lamenta a falta de concreción sobre o desenvolvemento do decreto e que non fora pactado coa comunidade educativa
Santiago de Compostela, 22 Febreiro 12.- A deputada do G.P do BNG Carme Adán criticou hoxe o Decreto de Atención á Diversidade pola súa falta de concreción, “non sabemos moito sobre o seu desenvolvemento, si sobre a súa filosofía”, e porque semella abre a porta á segregación do alumnado en vez de apostar verdadeiramente pola escola inclusiva.
Adán lembrou que este Decreto foi publicado xa hai dous meses polo que, na súa opinión, non se entende moi ben o sentido da comparecencia do Director Xeral de Educación hoxe en Comisión parlamentar para presentalo.
Para a deputada, esta posta en escena só pode responder a un intento por parte da Xunta de tentar agochar os seus tres anos do “goberno máis ineficiente da historia” tras “propaganda xa de carácter electoral tendo en conta que estamos no final da lexislatura”.
A parlamentar criticou que malia as peticións feitas polo BNG, dirixidas tanto ao director xeral como ao propio conselleiro, para que o decreto fora pactado, finalmente saiu adiante sen apenas ter en conta aos pais e nais, nin á comunidade educativa nin ás diferentes asociacións de nenos con discapcidade.
Carme Adán advertiu que é imposíbel atender a diversidade con custe cero por iso botou en falta na comparecencia que se concretaran tanto os criterios que se van establecer para as aulas específicas das que falou o director xeral como os recursos que se van destinar a estas unidades.
Incidiu en que tamén é necesario concretar cuestións como o número de coidadores que vai haber, as ratios que se van establecer, etc, toda unha serie de aspectos que teñen moito a ver, dixo, cos recortes que a Consellería leva aplicando durante estes anos, polo que “temos as nosas cautelas sobre como se vai poder desenvolver na práctica, se vai haber o suficiente persoal especializado”.
Adán concluiu alertando de que abrir a porta á segregación en función dos recursos pode entrañar moitos riscos para o alumnado “e non o dicimos nós, senón que tamén o din as persoas que están en contacto con eses nenos”.


