O PP impide aprobar unha moción do BNG para activar o sector naval galego

Henrique Viéitez alertou da  desaparición de estaleiros e industria auxiliar  e insistiu na urxencia de iniciar xestións ante ao Goberno central e a Comisión europea para resolver a situación xerada pola paralización do sistema de arrendamento fiscal

Santiago de Compostela, 13 de decembro, 2011. Pleno. O  portavoz de Política laboral do BNG, Henrique Viéitez defendeu hoxe unha moción destinada a paliar as consecuencias no sector naval tralo cambio de “normativa fiscal” no Estado español.

A proposta nacionalista, rexeitada polo Partido popular, reclamaba a posta en marcha de  diversas medidas destinadas a  garantir a viabilidade económica das empresas do sector, refinanciar a súa débeda e facer fronte  á carga de  traballo,  evitar os  despedimentos  e  potenciar un programa para o  desenvolvemento da industria naval.

Programa de emerxencia
 
 Neste sentido, Viéitez insistiu na urxencia de promover, mediante a Comisión  do Arco Atlántico á Comisión europea e aos estados membros, á implantación dun “programa de emerxencia” para contrarrestar os prexuízos provocados pola   escasa actividade no sector.

Asemade, Viétez defendeu iniciar de “maneira inmediata”, accións directas coa dirección xeral da competencia da Comisión europea recollendo a postura do sector e as propostas elaboradas pola Mesa da Industria Auxiliar do naval galego.

Perda de postos de traballo

O nacionalista demandou do Goberno galego utilizar a modalidade de  “suspensivo” e non “extintivo” no caso dos expedientes de regulación presentados polas empresas ao obxecto de evitar despedimentos precipitados e preservar os postos de traballo.

Na súa intervención, o parlamentario enumerou diversas medidas entre as que destacou,potenciar o centro de reparación na ra de Vigo, fomentar as estratexias de cooperación entre as diferentes factorías navais e a habilitación dunha liña de avais de axudas para o fomento do uso das deducións fiscais e bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación , desenvolvemento e innovación no ámbito do sector naval.

O deputado do BNG non esqueceu esixir da SEPI o “impulso necesario” para  dinamizar o centro  de reparación  de Navantia en Ferrol e instar á Comisión europea a “eliminación do veto”á construción naval civil de Navantia, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]