Branco Parga relaciona a nova Lei de Industria do PP con intereses na incineradora

O portavoz de Industria do BNG, Fernando Branco Parga  cualificou de “rolo parlamentario” o trámite da lei de Industria no que se empregaron cinco minutos para debater 42 artigos e 120 emendas

Santiago de Compostela, 13 de decembro, 2011. Pleno.O portavoz de Industria do BNG, Fernando Branco Parga denunciou hoxe, no transcurso do debate do Proxecto de Lei de política industrial defendido polo Goberno galego en sesión plenaria, o  “rolo parlamentario” do Partido popular para aprobar “sen debate” e con “urxencia” esta  a nova lei.

Minorar o debate parlamentario

Branco Parga cuestionou o tempo empregado pola comisión encargada de debater 45 artigos e 120 emendas, en  “tan só cinco minutos” e afirmou que con toda probabilidade esta urxencia responde a “intereses” relacionados coa instalación da nova incineradora no Irixo, que mesmo pode acadar “subvencións públicas”.

O deputado do BNG tamén se referiu ao concurso eólico como  de “estrepitoso fracaso” da Consellería que dirixe Javier Guerra e ironizou coa aparición dalgún Urdangarin que personificou no IGAPE e nos áridos reciclados.

Unha lei industrial sen I+D+i

Para Branco Parga, a nova lei de industria non contou cos principais axentes como as universidades ou I+D+i porque na súa opinión, esta lei está máis vinculada ao aspecto urbanístico que ao industrial, “vostedes entregan a terra” dixo, pero non contan cunha verdadeira estratexia industrial que serva de motor económico e xere emprego, “hai moitos polígonos e parques industriais pero están baleiros”, afirmou.

O nacionalista non escatimou críticas a un texto que contempla o mantemento do Consello de Industria fronte á ausencia do Consello de Minas e  de clusters  ou un Plan Director de Industria que non conta   coa presenza das universidades e de I+D+i.

Branco Parga volveu rexeitar unha lei que esquece  medidas  contra a crise económica e non potencia a actividade industrial galega nin a  estratexia necesaria que a consolide.
O parlamentario lamentou que o Partido popular non aceptará as emendas do BNG destinadas a mellorar o texto da nova lei.

Lei de Cooperativas

Por outra parte, o BNG rexeitou o proxecto de Lei de Cooperativas porque nin é unha lei nova, senón  que é unha modificación da que xa existe, nin é ambiciosa e representa un retroceso sen precedentes dentro do ámbito cooperativo, afirmou o deputado Henrique Viéitez.

O parlamentar nacionalista lamentou que se perdera a oportunidade de redactar un proxecto que realmente dera resposta á realidade social e impulsara as cooperativas como verdadeira ferramenta á hora de reactivar a economía e xerar emprego.

O deputado nacionalista tamén criticou que non se tiveran en conta ningunha das emendas do BNG encamiñadas a incrementar a transparencia e fomentar a participación.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]