O BNG pide a demisión do director xeral da CRTVG após anunciar posíbeis expedientes aos xornalistas represaliados

Ana Pontón, durante o debate

A deputada nacionalista pediu “a demisión” de Sánchez Izquierdo por investigar os traballadores e non os responsábeis das represalias na TVG e afirmou que este proceder evoca  moito as “listas negras” e as prácticas macartistas

Santiago de Compostela, 27 Outubro 11. Unha pregunta  da deputada do BNG, Ana Pontón na comisión de Control da Compañía da RTVG, sobre a cobertura informativa das protestas do profesorado polos recortes do ensino, provocou que a nacionalista pedise a dimisión de Alfonso Sánchez Izquierdo após anunciar este que a dirección da TVG estuda impoñer  “expedientes sancionadores” contra a xornalista Ana Pérez e o xornalista Alfonso Hermida que participaron   nas protestas do día 10 Outubro.

A parlamentar do BNG denunciou que non se investigue os responsábeis das represalias mentres o  director xeral da CRTVG confirma posíbeis expedientes sancionadores a unha xornalista e un xornalista que exerceron o seu dereito á liberdade de expresión nas protestas da folga convocada polas traballadoras e os traballadores da CRTVG. Pontón afirmou que este proceder evoca  "as listas negras e as prácticas macartistas".

CESAMENTO IMEDIATO

Para a nacionalista, as “represalias” -Ana Pérez e Alfonso Hermida foron afastados do especial informativo 20-N após participar nas protestas do día 10 de outubro- merecen “unha investigación” no seo da Compañía de RTVG así como o “cesamento imediato” dos responsábeis desta medida.

Pontón afirmou que  resulta “intolerábel” que a dirección da TVG pretenda abrir expedientes á xornalista e ao xornalista e non investigue os verdadeiros responsábeis das represalias, “agora máis que nunca, faise necesaria unha  nova comparecencia urxente  para  explicar as razóns do acontecido na TVG” e depurar responsabilidades ,dixo.

A deputada do BNG tamén reprochou ao director xeral da CRTVG que utilice de plataforma a páxina web do ente para publicar unha carta remitida ao Colexio de Xornalistas, “lamento que esta páxina estea ao seu uso particular”, manifestou Pontón, mentres nega explicacións sobre o conflito cando lle son requiridas.

A nacionalista tamén se referiu á protesta protagonizada onte no  pleno do Parlamento galego por traballadoras e traballadores da CRTVG , da que, dixo, “a televisión non informou”, o que demostra até que punto a TVG non está a cumprir a súa obriga de ser un medio público e imparcial pola súa "gubernamentalización".

Ana Pontón concluíu afirmando que as declaracións de Sánchez Izquierdo, en sede parlamentar, representan a constatación dunha “persecución” de traballadores e traballadoras na TVG semellante ás prácticas macartistas  e volveu reclamar unha  investigación  no seo da CRTVG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]