O BNG pide a retirada da Lei de Turismo por "inoportuna, sen accións e regresiva co idioma galego"

A deputada do BNG, Carme Adán afirmou que o texto recupera a “antiga división territorial” para o turismo da Lei Fraga do ano 1993
 
Santiago de Compostela, 13 de setembro, 2011 -Pleno. A deputada do BNG, Carme Adán afirmou hoxe, no debate do Proxecto de Lei de Turismo celebrado en sesión plenaria no Parlamento galego que o modelo que  defende o Partido popular, é “inoportuno”, carece de accións concretas para o desenvolvemento turístico e económico e renega da promoción da lingua galega.

Para Adán, o proxecto recolle un termo xa esbozado na lei de Turismo Fraga do ano 1993 sobre a división territorial polo que  considerou que o adecuado á realidade galega sería referirse a “comarcas turísticas”  como acontece nas leis de Euskadi e Cataluña.

Os concellos perden relevancia
  
A deputada pediu a devolución do texto por seren “revisionista e revanchista” coa lei 14/2008 e non regular a organización administrativa do turismo en Galiza, relegar ás entidades locais na planificación e dirección da política turística e renunciar a unha visión territorial, ambiental, cultural e empresarial destinada a unha maior rendibilidade económica.

Ocultación da lingua e cultura galega

Asemade,  aludiu a intención de ocultar calquera referencia á promoción da lingua galega ao empregar como sistema de ordenación o alfabeto castelán fronte ao galego.

Neste sentido, criticou que a propia Consellaría de Cultura xustifique esta medida asegurando que esta práctica “ facilita a tradución”.

Dende o BNG, -dixo a nacionalista- consideramos que unha normativa correcta debe empregar o alfabeto da lingua na que a orde está redactada e neste caso o alfabeto debe ser en “lingua galega”.

Adán asegurou  tamén  que o nova lei de turismo non pon en valor o patrimonio galego e non fomenta a súa conservación nin rehabilitación, “ no articulado do texto confúndese cultura con tradicións”-dixo-.

Feijoo muda o organigrama antes do debate da lei

Por outra banda, Adán recriminou que o Presidente da Xunta informara dunha modificación do organigrama de dirección de turismo galego , logo de ter remitido o Proxecto de lei ao Parlamento un mes antes, o que –ao seu xuízo- pode representar,-explicou-, “unha emenda á totalidade” por  non aparecer reflectido no texto ningunha referencia a devandita  moficación.

A nacionalista manifestou que a reestruturación completa de Turgalicia, Centro superior de Hostalería, Secretaria xeral de Turismo  e a Sociedade de Xestión do Xacobeo amosan “a improvisación” do Partido popular sobre a organización administrativa en materia de turismo.

Na quenda de réplica ao conselleiro de cultura, a parlamentaria do BNG lembrou  que non se fixo público o balance  económico do 2010 e os  datos de turismo  no 2011 “son malos” polo que reiterou a petición de retirada dun texto que só contempla “estudos” e ningún anuncio sobre a nova estruturación do turismo en Galiza.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]