Tareixa Paz alerta da non utilización de GPS na medición da superficie queimada

A deputada do BNG asegurou contar con información que desminte que existan instrucións de Medio rural para seguir empregando este método por parte do persoal técnico do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2011. No transcurso dunha pregunta ao Goberno formulada pola portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Tareixa Paz, sobre o método a empregar na presente campaña para a medición  da superficie queimada, a parlamentaria nacionalista asegurou contar con información contraria á defendida pola Consellaría do Medio rural e afirmou que non existen “instrucións” concretas para que os técnicos do Servizo contra os incendios realicen medicións sobre o terreo.

Trala resposta do director de Montes, Tomás Fernández Couto que negou a veracidade do contido das directrices remitidas aos distritos para comunicar aos axentes que non debían realizar as medicións perimetrais, a parlamentaria nacionalista pediu que se lle fixera chegar a todos os distritos “a afirmación”  que acaba de realizar na comisión 7 o titular de Montes.

 Neste sentido, engadiu que os deputados e deputadas descoñecen os datos sobre a superficie queimada polo que reclamou a Medio rural  facilitar os datos sobre incendios, número de hectáreas e medios utilizados na extinción dos mesmos.

Paz concluíu solicitando a remisión ao Servizo de prevención e  defensa contra os incendios “a afirmación” do director xeral sobre a continuidade dos  labores na medición da superficie queimada a través de GPS dos que está dotado  porque este método –dixo- “permite unha grande fiabilidade e facilita os datos nun corto intervalo de tempo trala finalización do incendio.”


Medio rural segue cos recortes

Por outra parte, a deputada do BNG  realizou outra pregunta  na mesma  comisión sobre os recortes que a Consellaría do Medio Rural está a realizar na xestión do Contrato de Explotación Sustentábel.

Paz subliñou  que nas últimas semanas, Medio Rural introduciu modificacións nas axudas do Plano de Desenvolvemento rural  de Galiza 2007-2013 que  evidencian un novo recorte no apoio ao sector gandeiro e á viabilidade económica das  explotacións.
 
Neste sentido, afirmou que esta  e outras medidas do PP van encamiñadas a reducir aínda máis o número de explotacións e favorece outros usos “ou intereses alleos” que prexudicarán gravemente o futuro dos veciños e veciñas no rural galego.
 
Pola  súa parte, o director xeral de Produción Agropecuaria,  José Álvarez Robledo afirmou que non se subvencionarán aquelas superficies ocupadas por pastos arbustivos ao que a deputada respondeu que esta é unha medida que  provocará  “graves prexuízos” ás explotacións gandeiras das zonas de montaña. 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]