Tereixa Paz denuncia que logo de seis meses O Plan Impulsa Galicia Interior siga seno só "declaración de intencións"

A deputada do BNG afirma que esta falta de concreción  demostra que Medio Rural non sabe que facer cos 23 millóns detraídos das axudas directas á produción

Santiago de Compostela, 20 Abril 11.- A deputada do G.P do BNG Tereixa Paz emprazou hoxe a Medio Rural a que máis alá das “manifestacións de intencións” concrete os contidos e os criterios de aplicación do chamado Plan Impulsa Galicia Interior, pois meses despois da súa aprobación, vía emenda do PP nos orzamentos, se descoñece a que concellos afecta, que tipo de explotacións van ser as beneficiarias e se vai ser vía unha única orde de axudas ou a través doutras fórmulas.

Tereixa Paz, durante o debate na Comisión de Agricultura dunha pregunta do BNG sobre este asunto, advertiu que ninguén vai estar en contra dun plan que ten como obxectivo “discriminar positivamente o interior”, en palabras do director xeral de Produción Agropecuaria, “mais só con esta definición non chega”.

Para a deputada nacionalista, o goberno da Xunta ten que empezar por definir que é “interior”, pois hai moitos concellos, por exemplo, que poden estar ubicados no eixe atlántico pero ter vocación agrogandeira, con moitas necesidades estructurais, “de que tipo de concellos, por tanto, están a falar?”, preguntou.

A parlamentar nacionalista considera que transcorridos varios meses sen máis novidades sobre o dito Plan e á vista de resposta dada polo director xeral, que se limitou a falar dos Plans Impulsa Lugo e Ourense, “a única conclusión á que podemos chegar é que vostedes non sabes que facer cos 23 millóns de euros que detraeron das axudas directas ao sector produtivo para un simple epígrafe sen contido real”.

Tereixa Paz lembrou que xa no seu momento o BNG amosou a súa opinión contraria á tal decisión, xa non só porque non se concretaban os contidos do Plan senón porque o mesmo se baseaba en recortar unhas axudas moi necesarias para modernizar o sistema produtivo e para a súa diversificación.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]