Viéitez denuncia a falta de control no estelado e transporte da madeira de piñeiros afectada polo nematodo

Henrique Viéitez asegura que esta falta de control, xa provocou a aparición do insecto en concellos do Norte de Galiza

Santiago de Compostela, 5  de abril de 2011. O deputado do BNG, Henrique Viéitez defendeu hoxe, en sede parlamentar, unha Proposición non de lei, rexeitada polo Partido popular,   na que instaba ao Goberno galego a convocar a mesa da madeira para tratar as  actuacións no sector, derivadas da praga do nematodo da madeira do piñeiro.

Na súa intervención, Viétez denunciou a falta de control nas actuacións do corte e transporte da madeira afectada e o incumprimento de queimala e explicou que na actualidade, mesmo é transportada en camións sen toldos  o que está a provocar con facilidade a propagación do insecto.

O deputado do BNG afirmou que xa se detectaron madeiras afectadas por esta praga, mesmo en concellos no Norte de Galiza o que –ao seu xuízo-    é produto da falta de control na manipulación da madeira e engadiu que esta praga está a supoñer “un desastre medioambiental sobre as masas das coníferas” coa coseguinte incidencia económica nunha área xeográfica con escaso tecido empresarial situada en máis de 21 concellos na comarca do Condado.

A proposición non de Lei defendida polo deputado do BNG pretendía instar ao Goberno galego a “non dar a calada por resposta”  e convocar á mesa da madeira para tratar un problema que se está a estender polo territorio galego.

O deputado do BNG subliñou que a área afectada (As Neves e Salvaterra), posúe 20 empresas de rematantes e 23 serradoiros que xeran cerca de 800 postos de traballo e facturan ao ano máis de 200 millóns de euros e –na súa opinión- a Xunta debe por en marcha mecanismos para a contención e erradicación desta praga que segue provocando custes importantes no medio ambiente, económicos e sociais.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Enma Álvarez Chao xustificou o voto negativo á proposición non de lei nacionalista afirmando que “o Goberno galego está atendendo os problemas dos afectados” e polo momento, non urxe tomar máis medidas que as que están en marcha.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]