O PP vota en contra de racionalizar a convocatoria dos cursos para obter o certificado do "CELGA" como reclamaba o BNG
Bieito Lobeira pediu que se revisaran os criterios territoriais para que a convocatoria puidera cubrir todas as comarcas de Galiza
Santiago de Compostela, 3 marzo 2011.- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, reclamou hoxe, en sede parlamentar, que se adopten medidas para racionalizar a convocatoria dos cursos preparatorios para a obtención do CELGA no 2011, que son indispensábeis en moitos casos para acceder a procesos selectivos na función pública.
Lobeira defendeu, na comisión 4ª de Educación e Cultura, unha proposición non de lei perante o “caos” existente, a descoordinación e a falla de planificación e de criterios na convocatoria dos cursos de preparación para a obtención do sistema de certificación da lingua galega, (CELGA).
A través desta iniciativa, que foi rexeitada polo Partido popular, o nacionalista demandou que se revisaran os criterios territoriais, a fin de que a convocatoria cubra todas as comarcas; que se mantiveran, como mínimo, dúas convocatorias de exame para 2011 e que se estableceran métodos de coordinación cos servizos de Normalización Lingüística dependentes dos concellos.
Asemade, o parlamentar considerou indispensábel a expedición de certificados de asistencia aos cursos que recoñezan as horas de formación e o incremento a oferta de cursos en toda a nación.
Para Bieito Lobeira, non é de recibo que existan comarcas enteiras como as de Bergantiños, Costa da Morte, Barbanza, Terra de Melide, O Morrazo, O Salnés, o Deza, Tabeirós-Terra de Montes ou Baixo Miño sen ningún curso e que, aínda existindo solicitudes, a resolución por parte da Xunta sexa denegatoria. “Ademais, en moitos dos concellos onde si se imparten, carecen dunha oferta variada que satisfaga todas as necesidades”.
“Cómpre aclarar –engadiu- que non se expedirá certificado de asistencia ou que neste ano só se organiza unha única convocatoria de exames no mes de Xuño, non dúas como en anos anteriores, así que quen suspenda terá que agardar un ano até a próxima convocatoria”.
Finalmente, Lobeira considerou especialmente grave que os Servizos de Normalización dos concellos non dispoñan de ningún tipo de coordinación ou información diferente á de calquera colectivo ou empresa privada.
Trala intervención do portavoz do PP, Román Rodríguez, Lobeira reprochoulle que o Partido popular utilice “a austeridade” para reducir os cursos de galego e neguen a súa realización , a pesar de seren demandados polos concellos.