Éxito do BNG ao acadar o acordo unánime da Cámara para garantir o futuro do sector naval

PLENO-Henrique Viéitez denuncia que o goberno galego non ten desenvolto a Lei de fomento do sector

Santiago de Compostela, 22 Febreiro 11.-O BNG sacou adiante hoxe en pleno, co respaldo unánime de todos os grupos da Cámara, logo de que o PP mudou a súa intención de voto no último momento, unha moción  que recolle toda unha serie de medidas para garantir o futuro do sectora naval de Galiza, nomeadamente nas rías de Vigo e Ferrol.

VIétez xustificou esta iniciativa en base á situación crítica pola que está atravesando o sector e que pode determinar a continuidade do mesmo no futuro, de aí a necesidade de actuacións a curto e medio prazo para procurar superar as actuais circunstancias, acadar o seu fortalecemento e dotalo dunha maior capacidade de resposta perante novos retos.

O deputado nacionalista lembrou que se está producindo unha merma progresiva na carga de traballo e unha preocupante caída do emprego –hai menos de 7.000 persoas traballando dadas de alta na Seguridade Social e a presentación de EREs é case diaria-, polo que o panorama que se aveciña, dixo, é complexo e pode deixar ao sector por debaixo da súa capacidade de recuperación e resposta futura.

O parlamentar advertiu tamén de que o goberno galego non ten desenvolto até o de agora a Lei de fomento do sector naval de Galiza mediante o establecemento de programas específicos en ámbitos como o I D I, as axudas ás diversas actividades emprendidas no sector, a formación profesional ou, mesmamente, a participación na xestión de empresas públicas estatais integradas no sector.

Neste contexto, entre as medidas que reclama a moción salientou, por parte da Xunta, que habilite unha liña especial de avais para que o naval poida refinanciar a súa débeda e facer fronte á carga de traballo; evitar os despedimentos precipitados, preservando os postos de traballo e retendo a man de obra altamente cualificada; non permitir que a capacidade de produción dos asteleiros diminúa e desenvolver un plan específico de formación, entre outras.

Asemade, fixo énfase tamén en que se potencie o centro de reparación nas rías de Vigo e Ferrol, aproveitando sinerxias existentes entre o entramado industrial e o derivado do tráfico do Porto e a súa propia localización nunha zona de intenso tráfico marítimo e se potencie o CETNAGA (Centro Tecnolóxico do Naval Galego) como confluencia de interese e obxectivos da administración galega, o conxunto do sector e as universidades.

No que atinxe ao Estado, insistiu na necesidade de que se elimine o veto á contrución civil de Navantia, que a SEPI dinamice o centro de reparación deste asteleiro e se promovan dentro da UE novos mecanismos de financiamento a longo prazo do sector, creando un instrumento europeo para o financiamento dos asteleiros e a industria auxiliar.  

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]