O BNG urxe a convocatoria da Mesa da Madeira para pactar unha saída á praga do piñeiro

PlLENO-Tereixa Paz lamenta que o conselleiro compareza “sen dados” e siga sen aportar solucións concretos, cando o sector xa deixou de ingresar 1,1 millóns de euros

Santiago de Compostela, 8 Febreiro 10.- A voceira de Agricultura do G.P do BNG, Tereixa Paz, instou hoxe ao conselleiro Samuel Juárez a que convoque a Mesa da Madeira como solución máis razoábel para dar resposta aos distintos problemas que acarreou a praga do nematodo dos piñeiros, nomeadamente as perdas de máis de 1,1 millóns de euros que calculan os afectados.

Tereixa Paz, durante a súa réplica á comparecencia en pleno do conselleiro, asegurou que un goberno normal xa tería convocado a Mesa para dar saída á madeira acumulada, para establecer cronogramas para a tala da mesma, prezos coa mediación da Xunta e medidas citosanitarias acaídas para o control e erradicación da praga.

Abandono do sector

A deputada do BNG lamentou que o goberno da Xunta preferira, sen embargo, abandonar ao sector e pouco menos que deixou en mans dos propietarios forestais a solución do problema. Para a parlamentar, a actuación da Xunta neste caso foi “lenta”, “errática”, “improvisada” e en moitos casos “escapista”, polo que agardou que de cara ao futuro, xa que o problema non está resolto, o conselleiro evite as “invocacións teóricas” e dea resposta concreta a que medidas vai adoptar para pór freo ao impacto socio económico que está a traer consigo o nematodo.

Neste sentido, lembrou que se está a falar de máis de 800 postos de traballo directos que poden perigar, pois moitos aserradeiros se viron abocados a períodos de inactividade e de non emprenderse as actuacións convintes poderían verse obrigados a pechar. Asemade, segundo os cálculos dos afectados, o prezo da madeira de alta calidade baixou máis do 50 por cento, o que trouxo consigo que se deixaran de ingresar 1,1 millóns de euros pola corta da madeira e polos prezos, ficando a madeira de menor calidade acumulada, sen poder darlle saída.

Tereixa Paz fíxose eco do sector para reprochar tamén a falla de coordinación e información por parte da Xunta, salvo unha primeira rolda de prensa na que o conselleiro practicamente os amenazou con que ou sacaban eles mesmos a madeira ou a retiraba a Xunta, iso si, pagando entre oito e dez euros o metro cúbico de madeira, o que provocou a súa devaluación.

Bipolaridade política

Para a deputada nacionalista, este goberno está instalado na “bipolaridade política” e preguntou ao conselleiro por que, “coa que está caendo no rural, coas negociación da PAC na UE, etc”, vén comparecer no primeiro pleno sobre un asunto que, “ao escoitalo, semella é unha trapallada e somos nós os que creamos alarma. Bipolaridade política”, reiterou e leu o texto do DOG no que o director xeral de Produción Agropecuaria “resolvía declarar a praga”.

A parlamentar acusou tamén a Samuel Juárez de irresponsábel por vir comparecer sen dados, e reclamou, por tanto, maiores concrecións sobre as indemnizacións, “cales van ser as cuantías, cales os baremos e se teñen pensado tasar a madeira para saber de que estamos a falar e canto van poder recuperar”. Asemade, pediu axudas para poder realizar os tratamentos térmicos precisos e que se habiliten algún tipo de indemnizacións para restaurar o potencial forestal sobre todo dunha das zonas onde están os mellores piñeirais de Galiza.”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]