O BNG acusa ao Goberno da Xunta de "liquidar" os contratos de explotación sustentábel e deixar 742 explotacións sen axudas correspondentes

Santiago de Compostela, 4 Febreiro 11.- A voceira de Agricultura do G.P do BNG, Tereixa Paz, denunciou hoxe un novo recorte de axudas aos gandeiros galegos por parte do goberno da Xunta ao liquidar, na práctica, os Contratos de Explotación Sustentábel, un instrumento que servía tanto para mellorar a renda dos agricultores deste País como para incorporar superficie produtiva e dimensionar as explotacións.

Tereixa Paz explicou en rolda de prensa que estes contratos se incluían no Plano de Desenvolvemento Rural 2007-2013 e boa parte dos fondos proviñan da Unión Europea, Galiza e o Estado só o complementaban nun 42 por cento, mais xa o pasado ano, denunciou, a Xunta, sen ter introducido ningunha modificación nas bases, mudou as cantidades previstas (75 millóns de euros en 2008), co que os gandeiros que tiñan dereito á axuda deixaron de ingresar case 5 millóns de euros.

No que atinxe á convocatoria de 2010, engadiu, dotouse de 30 millóns pero a estas alturas segue sen resolverse e polas informacións que manexa o BNG, a Consellería non ten previsto resolvela. “Isto quere dicir que vai haber máis de 742 explotacións que nin van recibir a axuda nin resposta da Xunta sobre a mesma, e van deixar de percibir outros 6 millóns de euros máis”.

Para a deputada nacionalista, cómpre salientar o impacto que vai ter esta decisión do goberno nas explotacións, sobre todo nun momento de crise como o actual no que a estes recortes hai que sumar tamén a crise dos prezos, no casos das explotacións leiteiras, e outro tipo de rebaixas que xa leva sofrido o rural.

Tereixa Paz cualificou de “incomprensíbel” que o actual Goberno estea a liquidar todos os instrumentos que contribuían a organizar e dimensionar o rural galego e lamentou especialmente que, por exemplo, o Banco de Terras estea a “hibernar”, non haxa orzamento para as concentracións parcelarias e agora este tipo de contratos “se liquiden”.

A deputada do BNG estivo acompañada na rolda de prensa de varios gandeiros do Barbanza e a Fonsagrada, que coincidiron á hora de acusar á Xunta de desinterés polo rural e preguntáronse quen lles vai compensar agora polos gastos nos que se meteron para mellorar as explotacións (unha das condicións do contrato) ao quedar agora sen as axudas. Para eles, é inomprensíbel que a administración poida actuar con tanta “lixeireza” e mentres eles teñan que “apandar”.



 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]