O BNG demandará de novo na Cámara o 2011 como Ano Castelao e urxe a declaración BIC da súa obra e unha exposición permanente na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 26 Xaneiro 11.- A portavoz de Cultura do G.P do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe que o BNG vai seguir presentando diferentes iniciativas ao longo deste curso político instando á Xunta a abandonar a súa política de “desleixo” e “desprezo” pola figura de Castelao e reparar a “inmensa débeda que temos con el e co seu pensamento”, para o que o goberno debe cumprir o acordo de declaración BIC do conxunto da súa obra e organizar unha exposición permanente na Cidade da Cultura.

Ana Pontón, no transcurso dunha rolda de prensa, asegurou que está fóra de toda dúbida a relevancia de Castelao e reivindicou a vixencia do seu pensamento e do seu traballo,  “máis necesario ca nunca”  perante todo o que está a acontecer en Galiza e no mundo, nun contexto de involución social e de perigosas tentativas recentralizadoras, “a obra de Castelao pode verter luz en moitos destes debates”.

A deputada nacionalista explicou que, sen desmerecer outras efemérides que se celebran este ano, unha das máis destacadas é a do 125 aniversario do nacemento de Castelao, polo que considera que non é de recibo o nulo interés do goberno do PP por celebrala e prestarlle a atención que se merece.

Declaracións insólitas

Neste sentido, censurou as declaracións “insólitas” que se realizaron no pasado período de sesións por parte dos deputados do Partido Popular, que non só negaron o recoñecemento do 2011 como Ano Castelao senón que o xustificaron en base a que “Castelao era nacionalista”.

Para a parlamentar, a maiores das diferentes iniciativas que o BNG e diferentes asociacións vencelladas ao nacionalismo van levar a cabo ao longo do ano para conmemorar a dita efeméride, como o acto de homenaxe do próximo  Domingo no Panteón de Galegos Ilustres, é preciso que a nível institucional se aborden varios aspectos, e de aí a presentación dunha batería de preguntas e proposicións non de lei no Parlamento.

Este traballo na Cámara, dixo, ten un triple obxectivo, por unha banda facer cumprir o acordo de 13 de Abril para declarar BIC o conxunto da obra de Castelao, pois dez meses despois a Xunta segue sen incoar o expediente, “malia que minta nas respostas que nos remite, pois no DOG non está publicado” e, por tanto, mentres non se publique non existe, aclarou.

Cidade da Cultura

Asemade, insistiu en que o 2011 ten que ser considerado Ano Castelao e para iso ten que haber promoción e difusión da súa obra, para o que propón que a Cidade da Cultura albergue unha exposición permanente co máis representativo da súa obra plástica, deste xeito se vencella tamén a Cidade á cultura do País, pois reiterou que o seu papel debe ser acoller as figuras máis senlleiras da cultura galega.

Pontón lamentou a posición ideolóxica que se agocha tras a actitude do goberno da Xunta perante todas estas iniciativas e que repite o “modous operandi” dos populares cando se trata de Castelao, “manipular a súa figura para logo negala, cando recuperala é unha metáfora da dignificación colectiva do noso pobo”.

Dirección xeral de Promoción Cultural

Segundo a deputada, este comportamento tampouco colle de sorpresa tendo en conta o papel que este goberno lle confire á promoción da cultura en xeral, e salientou como hoxe mesmo o DOG consuma a desaparición da dirección xeral de promoción cultural do organigrama da Xunta, unha decisión que é toda unha “liña de ataque” á cultura galega e unha mostra de até onde está disposto a chegar o PP no que atinxe ao apoio e difusión dos creadores do País, “unha decisión –ademais- que non adoptou até o de agora ningún goberno do mundo”, concluiu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]