O BNG responsabiliza a Samuel Juárez de privatizar o servizo de control do gando

Tereixa Paz acusa ao   Conselleiro de Medio Rural  de desmantelar un sistema, considerado un dos mellores da Unión europea, para  despedir aos veterinarios  e privatizar o servizo


Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010.Pleno.- A  deputada do BNG, Tereixa Paz interpelou hoxe, en sede parlamentar, ao Goberno galego sobre o sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras e acusou á Consellaría de Medio Rural de “ privatizar este servizo”.

O novo sistema non é garantista

Para a  parlamentaria nacionalista, o novo sistema que implantará a Xunta, creará graves problemas aos responsábeis das explotacións agrarias que a partir de agora deberán responsabilizarse do rexistro e control necesitando utilizar o acceso a internet,  trasladarse á Oficina Comarcal para   realizar os trámites ou ben chamar ao telefono 012 cada vez que morra, naza, venda ou merque un animal.
 
Badiola a prol da continuidade do servizo de veterinarios


Tereixa Paz na súa intervención, lembrou que  o propio Juan José Badiola (Presidente del Consejo General de Colegios Veterinarios de España), manifestouse publicamente sobre a necesidade de que “sexan os veterinarios”, os  profesionais capacitados para esta función para  garantir o  control da  gandería e os alimentos.

Paz tamén fixo referencia ás máis de 12.000 sinaturas rexistradas no Parlamento galego por representantes da  empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA),  a Federación Rural Galega (FRUGA) así como  de explotacións agrarias e  consumidores, destinadas a  solicitar a derrogación do novo decreto polo que se elimina o servizo  de veterinarios colaboradores.

A supresión deste servizo provocará  graves problemas


A parlamentaria nacionalista reiterou  que, o traballo realizado polos veterinarios nas explotacións, “facilitaba o labor dos gandeiros” xa que -dixo-, eran eles os que colaboraban para anotar correctamente no libro da explotación o control e modificación do gando pero co novo decreto, “só visitarán as explotacións para realizar inspeccións periódicas”, quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais a cargo dos propios gandeiros e sen asesoramento nin control directo por parte da administración.

Neste sentido, a deputada explicou que coa entrada do novo decreto, a maioría das xestións administrativas deberán facerse a través  dunha Oficina Virtual da Xunta de Galiza.
 
Os colectivos agrarios amosan o seu rexeitamento


Paz asegurou que, tanto os  técnicos como as  asociacións agrarias, veterinarios e  forzas políticas  teñen amosado o seu rexeitamento a este modelo por seren o “menos garantista” xa que este labor era responsabilidade dun veterinario e   agora será realizado por  “un crotalero”  sen cualificación.

A deputada do BNG avanzou que os problemas que creará o novo sistema terán as súas consecuencias no “empeoramento da calidade e consumo da carne galega”.

Paz  afirmou que, esta nova medida evidencia a “liña privatizadora do Goberno galego de servizos que funcionan ben”.

A Consellaría de Medio Rural alega “ pouca carga de traballo”  no ERE a SEAGA


Pola súa parte, o Conselleiro  de Medio rural asegurou que o sistema será o mesmo pero non serán  os traballadores de Seaga os que o realicen  por mor da presentación dun Expediente de Regulación de Emprego.

Trala intervención de Samuel Juárez, a deputada do BNG negou que a “falta de carga de traballo xustifique a implantación do  novo sistema” posto que das 45.000 explotacións que existen en Galiza máis do 50% teñen menos  de dez reses e precisan del.

Asemade, a parlamentaria referiuse a contía que  aforrará a Consellaría de Medio Rural, cifrada en  1.200.000 euros por despedir  a 114 traballadores/as dun servizo considerado polo propio Samuel Juárez como un  “dos mellores de Europa” e suxeriu sufragar esta cantidade con menos campañas publicitarias como a de “leche gallega cien por cien” ou dotacións económicas para os  medios de comunicación.
 
Paz concluíu a súa intervención reclamando a permanencia dun servizo, posto en marcha hai doce anos, que resulta ser o mellor sistema de identificación da Unión  europea e cuns produtos referenciados de gran calidade, dende que nacen ata que morren e finalmente chegan ao consumidor.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]