O BNG insta á Xunta a actuar para que a crise económica non limite a capacidade das mulleres vítimas de violencia á hora de denunciar

Santiago de Compostela, 12 Decembro 10.- O BNG, a través da súa deputada Ana Pontón, levará á Cámara unha iniciativa para instar á Xunta a que actúe e evite que a actual situación de crise económica limite a capacidade das mulleres que sofren violencia de xénero para rachar coa mesma e denunciar, o que pasa por mudar as bases que regulan a concesión do “salario da liberdade”.

Ana Pontón rexistrou unha proposición non de lei neste sentido, toda vez que a propia Xunta, a través da Secretaria Xeral de Igualdade, recoñeceu recientemente que durante 2010 se produciu unha diminución no número de solicitudes de ordes de protección, pasando de 1390 que se rexistraron a finais de 2009 ás 1087 que constaban a finais de Novembro deste ano, uns dados que non van parellos, advirte a deputada, cunha diminución dos casos de violencia machista.

A parlamentar lembra que foi tamén a propia secretaria xeral de Igualdade a que atribuiu  estas cifras á crise económica, de aí que considere unha prioridade a intervención da Xunta, “pois son as administracións públicas as que teñen a obriga de evitar que a falta de independencia económica constitúa unha barreira á hora de normalizar a vida de moitas mulleres que viven o inferno de padecer a violencia no seu día a día”.

Neste sentido, explica que as leis contra violencia, tanto a galega como a estatal, recollen medidas para facer fronte a esta situación, conscientes de que dotar ás mulleres dos recursos suficientes lles dá garantías e seguridade á hora de denunciar. A deputada do BNG referiuse especialmente á lei galega mediante o chamado “salario da liberdade”, unha medida que no seu momento –durante o goberno bipartito- foi pioneira e da que se beneficiaron, dende a súa posta en marcha en 2006 até o 2009, 704 mulleres, e no que vai de 2010, 285; “uns dados que contrastan coas axudas estatais, que só suman 86 no período 2007-2010”.

Tramitación máis áxil

Para Ana Pontón, a necesidade deste tipo de “salarios” está, por tanto, máis que xustificada e cómpre reforzalos, mais introducindo unha serie de melloras tanto na súa tramitación como no que atinxe á súa dotación orzamentaria.

En canto á súa tramitación, a iniciativa nacionalista reclama que o acceso efectivo ás prestacións non dependa da época do ano na que se solicitan, pois como xa ten denunciado o BNG durante o 2010 á veces pasan moitos meses sen que as beneficiarias cobren as súas axudas.

Trátase, por tanto, de garantir que o prazo de presentación de solicitudes das axudas estea aberto durante todo a ano –non como agora, que foi dende o 1 de Abril até o 31 de Outubro-; fixar un prazo máximo de 30 días para a resolución e pago das axudas dende o momento da súa solicitude e incluir no cálculo ás persoas maiores de 18 anos cando estas dependan economicamente das vítimas, particularmente fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas dependentes ou con discapacidade, co obxecto de contemplar todas as realidades e escenarios que se poden dar, sobre todo no actual contexto de crise.

Sobre a dotación orzamentaria, Pontón lembrou que o BNG presentou unha emenda aos orzamentos para que o salario conte cos recursos necesarios “e non nos atopemos, como este ano, con que se acaban os cartos e haxa que facer unha ampliación, en Agosto, de máis de 578.000 euros, e outra en Novembro de máis de 262.000”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]