PLENO-O BNG empraza a Medio Rural a negociar cos grupos unha proposta para fixar unha posición de País perante a reforma da PAC

Santiago de Compostela, 23 Novembro 10.- A deputada do g.p do BNG Tereixa Paz emprazou hoxe ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, a que estableza pontes cos grupos da oposición para definir unha posición de país perante a reforma da PAC e asegurou que se presenta unha proposta concreta neste sentido, “non filosofías”, terá toda a colaboración do Bloque Nacionalista Galego, “alomenos bastante máis da que atopamos nós por parte do seu grupo parlamentar e nomeadamente do señor Feijóo cando ostentamos responsabilidades de goberno”.

Tereixa Paz cualificou de “decepcionante” a intervención de Juárez hoxe na Cámara, pois malia que a Comisión Europea xa manexa un documento con medidas, tanto sobre a nova configuración de axudas directas como sobre política de cuotas “vostede veu aquí só a dicirnos lugares comúns e consideracións abstractas sobre a reforma”.

A deputada nacionalista advertiu que esa era unha posición moi cómoda, a de non posicionarse sobre as medidas concretas que está a plantexar a UE, pois así, pase o que pase despois, sempre se pode vir á Cámara “de campeón”.

Para a parlamentar, cómpre que o conselleiro explique que é o que vai defender a Xunta, cales son as perspectivas financieiras na nova Pac, cal vai ser o volume de fondos cos que conte e como se van distribuir, se acaso se van desviar fondos do primeiro piar, é dicir, das axudas aos produtores, ao segundo, ou sexa, ao desenvolvemento rural.

“En lugar de facer o rídiculo –dixo, en alusión á viaxe de Núñez Feijóo a Bruxelas- vaian alí a fixar posicion, porque ese rídiculo, ao cabo, faino Galiza e nós non queremos eso”.

Tereixa Paz explicou que é preocupante deducir das palabras do conselleiro que defende a posibilidade de que o desenvolvemento rural se financie a costa da axuda directa aos productores; renuncia a retomar o debate sobre a fin das cuotas; aposta porque se consoliden as normas de mercado que funcionaron até o de agora, malia a situación do sector lácteo nos últimos anos e concorda con que as axudas ás pequenas explotacións teñan un carácter residual, entre outras consideracions.

A parlamentar concluiu recordando que hai tres anos o anterior goberno tentou fixar unha posición de Galiza para afrontar este debate que foi abortada non só polo grupo do PP senón polo propio Núñez Feijóo, hoxe presidente da Xunta, e reiterou que é indispensábel presentarse perante Europa cun acordo xa non só entre as forzas da Cámara senón incluso entre outras Comunidades que poidan ter os mesmos problemas que Galiza, para contrarrestar, por exemplo, o frente franco-alemán, “que a vostede parece non preocuparlle” e que pode ser lesivo para os intereses do País.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]