Medio Rural comprométese co BNG a rematar as obras de mellora dos accesos aos viñedos da Peroxa en 2011

Santiago de Compostela, 17 Novembro 10.-  A deputada do g.p do BNG Tereixa Paz valorou hoxe o compromiso adquirido polo director xeral de Desenvolvemento Rural de que as obras previstas de mellora de accesos ás explotacións de viñedos no concello da Peroxa estarán listas no 2011 e non precisarán de fondos da Xunta, pois se cumprirán os prazos do convenio asinado co Ministerio de Medio Rural con este fin.

Tereixa Paz, durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG sobre estas obras, explicou que agarda, non obstante, que a partir de agora se axilicen os trámites e a execución das actuacións, pois dende o 9 de Decembro que se asinou o Convenio até o día de hoxe no concello non existe ningún signo de comezo das mesmas.

Neste sentido, lembrou que o prazo, de feito, remataba o 30 de Novembro deste ano, de aí a presentación da iniciativa nacionalista, cuestionando que as obras puidesen estar nas datas previstas e advertindo de que de non ser así a Xunta tería que facerse cargo con fondos propios.

O director xeral asumiu a demora e informou dunha prórroga até o próximo ano, o 30 de Novembro de 2011, aínda que asegurou que “entra dentro da normalidade, que os tempos están sendo os normais e os pasos que se están dando tamén, pois se fala dun proxecto que afecta a 630 camiños”.

A deputada nacionalista confiou en que con estes novos prazos a Xunta cumpra, pois sería  “gravísimo” que os viticultores da ribeira sacra ourensana fosen novamente víctimas dunhas obras non realizadas.

Paz fixo estas afirmacións porque estes viticultores, o mesmo que os de Valdeorras e Rías Baixas, viron como o actual goberno anulaba as obras pendentes, planificadas polo anterior Executivo, de mellora das infraestructuras das zonas vitivinícolas, que foran consensuadas co sector.

Para compensar e paliar os prexuízos causados pola decisión, recordou Paz, a actual consellería de Medio Rural asinou un convenio co Ministerio para acometer as obras anuladas, incluidas agora nun Programa Piloto de Desenvolvemento Rural, “agardemos non estean provocando o seu incumprimento para poder seguir coa súa campaña de queixas contra o goberno do Estado, que é o único que saben facer”, concluiu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]