O PP rexeita unha iniciativa do BNG que pedía a continuidade do servizo de veterinarios colaboradores

Fernando Blanco cos traballadores rexistrando as sinaturas

Un grupo de traballadores  e traballadoras  de SEAGA e FRUGA  rexistraron na Cámara galega 12.400 sinaturas reclamando  a derrogación do decreto que elimina este servizo e solicitaron una xuntanza co Presidente da Xunta para tratar a actual situación


Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2010.
O deputado do BNG, Fernando Blanco defendeu hoxe, en sede parlamentar, unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galiza a manter o sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras nas condicións e coas garantías nas que se viñan desenvolvendo ata agora, iniciativa  que foi rexeitada polos membros do grupo popular.

Badiola a prol da continuidade do servizo de veterinarios

Blanco, na súa intervención, lembrou que  o propio Juan José Badiola (Presidente del Consejo General de Colegios Veterinarios de España), manifestouse publicamente sobre a necesidade de que “sexan os veterinarios”, os  profesionais capacitados para esta función como garantía de control para a  gandería e os alimentos “.

Para o  parlamentario nacionalista, o novo sistema que implantará a Xunta creará graves problemas aos responsábeis das explotacións agrarias que a partir de agora deberán responsabilizarse do rexistro e control necesitando utilizar o acceso a internet,  trasladarse á Oficina Comarcal para   realizar os trámites ou ben chamar ao telefono 012 cada vez que morra, naza, venda ou merque un animal.

A supresión do servizo provocará  graves problemas

Blanco considerou que o traballo realizado polos veterinarios nas explotacións, “facilitaba o labor dos gandeiros” xa que -dixo-, eran eles os que colaboraban para anotar correctamente no libro da explotación o control e modificación do gando pero co novo decreto, “só visitarán as explotacións para realizar inspeccións periódicas”, quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais a cargo dos propios gandeiros e sen asesoramento nin control directo por parte da administración.

Neste sentido, o deputado do BNG reiterou que coa entrada do novo decreto, a maioría das xestións administrativas deberán facerse a través  dunha Oficina Virtual da Xunta de Galiza.

Os colectivos agrarios amosan o seu rexeitamento

Fernando Blanco asegurou que, tanto os  técnicos como as  asociacións agrarias, veterinarios e  forzas políticas  teñen amosado o seu rexeitamento a este modelo por seren o “menos garantista” xa que este labor era responsabilidade dun veterinario e   agora será realizado por  “un crotalero”  sen cualificación.

Blanco avanzou que os problemas que creará este novo sistema terán as súas consecuencias no “empeoramento da calidade e consumo da carne galega”.
O deputado do BNG concluíu a súa intervención denunciando que esta nova medida evidencia a “liña privatizadora do Goberno galego de servizos que funcionaban ben”.

SEAGA e FRUGA rexistran 12.400 sinaturas contra o decreto

Previamente á celebración da comisión 7ª de Agricultura, na que foi rexeitada polo Partido popular a Proposición non de lei nacionalista, o deputado do BNG acompañou a un nutrido grupo de representantes da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) e a Federación Rural Galega (FRUGA), ao rexistro de 12.400 sinaturas de explotacións agrarias e  consumidores para solicitar a derrogación do novo decreto polo que se elimina o servizo  de veterinarios colaboradores.

Asemade, e avalados por estas sinaturas, os traballadores de SEAGA e FRUGA solicitaron unha xuntanza co Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo para tratar a actual situación.

O traballadores cren que o novo decreto  é unha represalia

Para o Presidente de FRUGA, Xurxo Álvarez e a representante dos traballadores de SEAGA, María Jesús García, “ estes novo  sistema persegue a privatización dun servizo público” cando Galiza conta cun sistema de identificación animal acreditado e con bos resultados.

Os representantes de FRUGA e SEAGA amosaron a súa preocupación por non saber “en mans de que vai quedar o novo sistema de crotalaxe” e lamentaron que a curto prazo se poida constatar “ o desprestixio da carne galega”.

Pola súa parte, María Jesús García denuncio que a implantación do novo sistema persegue prescindir  dos actuais  traballadores que no ano 2009 reivindicaron os seus dereitos e a xustiza deulles a razón pero na actualidade parece que xa non somos “tan rendibles”, afirmou.

María Jesús García explicou que na actualidade os veterinarios públicos son os responsábeis da identificación do gando en Galiza pero con este cambio “calquera pode ser custodio dese documento oficial” o que -na súa opinión-  pode derivar nun tráfico de documentos e calquera animal que chegue de Romanía, Polonia ou Portugal figure como  “carne galega” porque “o crotal de identificación pode acabar en calquera orella.”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]