O BNG pide prazos concretos para acometer os traballos de concentración parcelaria de Oleiros e Graba

Santiago de Compostela, 3 Novembro 10.- A deputada do g.p do BNG Tereixa Paz pediu hoxe á consellería de Agricultura que concrete máis os prazos nos que ten previsto acometer as actuacións de concentracións parcelarias pendentes nas parroquias de Oleiros e Graba no concello de Silleda.

Tereixa Paz, durante o debate esta tarde en comisión dunha iniciativa nacionalista ao respecto, afirmou que falar de que se van acometer “axiña” é unha resposta moi “indefinida” e lembrou que o feito de levar case dous anos sen realizar ningunha actuación nestas zonas ten motivado unha alta preocupación e incerteza entre os afectados.

A parlamentar pediu, por este motivo, previsións concretas para o que queda de exercicio e para o 2011 e lembrou que non hai ningún motivo que xustifique a súa paralización durante o 2009 e no que vai de 2010, toda vez que eran actuacións xa iniciadas e que se rematen é imprescindíbel para optimizar os traballos agrogandeiros e a produción alén de mellorar as infraestructuras de acceso ás terras agrarias.

“Máis tratándose –engadiu- dunha actuación moi necesaria en dúas parroquias nas que afortunadamente a actividade do sector agrario ten aínda unha moi alta intensidade e dimensión”.   

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]