Tereixa Paz acusa ao PP de "abandonar" o cooperativismo agrario

Santiago de Compostela, 3 Novembro 10.- O PP impediu hoxe sacar adiante unha iniciativa do BNG en apoio do cooperativismo agrario, coa que os nacionalistas, a través de Tereixa Paz, pretendían facer fronte ao abandono institucional que sofren, pois a estas alturas de 2010 aínda non se publicou a orde que regula as axudas a este sector.

A iniciativa tiña como obxectivo instar á Xunta a continuar as liñas de axuda incluidas no Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza 2007/2013, destinadas á promoción, modernización e dimensionamento do asociacionismo agrario, procedendo á publicación da orde de axudas correspondente ao ano 2010 antes de que remate o exercicio, cunha contía mínima de 1,5 millóns de euros para as catro medidas contemplada en ordes anteriores.

Para Tereixa Paz, o “abandono” que está a sofrer o cooperativismo é moi grave na situación de crise que vive o agro e máxime cando existe unha coincidencia case únanime en que unha das debilidades do sistema produtivo agrario galego é a pequena dimensión das explotacións familiares e das cooperativas agrarias o que as dificulta para facerlle fronte ao modelo produtivo europeo.

“Por esta razón –lembrou- o anterior goberno realizou unha aposta decidida por apoiar a este sector, publicando canda ano as correspondentes ordes de axuda”.
 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]