O BNG pon deberes a Juárez: liderar o debate para conseguir o contrato homologado máis favorábel para Galiza

Santiago de Compostela, 27 Outubro 10.- A deputada do g.p do BNG Tereixa Paz alertou hoxe en pleno sobre a posibilidade de que o sector lácteo galego “perda case dous anos” co resultado do actual debate que se está a dar no Estado sobre os contratos homologados e os prezos que se van establecer nos mesmos, pois a Xunta non está actuando e liderando o dito debate para obter o acordo máis favorábel para os gandeiros galegos.

Paz, que interpelou ao conselleiro sobre a situación que atravesa o sector lácteo en Galiza, asegurou que a Xunta “nin está nin se lle espera” malia ser Galiza a primeira productora do Estado e a que liderou nos anos anteriores as diferentes negociacións en relación co sector, “exerce, iso si, de portavoz do seu grupo parlamentar no Congreso e acude a Madrid para defender alí unha proposición non de lei, en lugar dos seus deputados”.

Neste sentido, asegurou que é o “maior aldraxe” que se pode facer ao autogoberno e unha irresponsabilidade respecto do cargo que ostenta defender e xustificar como única vía negociadora a de presentar noutra cámara unha iniciativa de impulso, “de feito, debería vostede dimitir como conselleiro” se realmente pensa así.

Tereixa Paz amosouse convencida de que malia que se están xerando moitas expectativas co debate en Madrid dos contratos, “temos a sensación de que o resultado non vai responder ás mesmas” e lembrou que os gandeiros galegos xa tiñan un contrato en 2008 moito máis beneficioso e  garantista que non se puido aplicar “polo se sectarismo do PP”.

A deputada nacionalista emprazou ao conselleiro a que explicite se desta volta se vai implicar ou non activamente na defensa dos intereses dos gandeiros galegos ou vai seguir na súa actitude de “renuncia”, pois de querer ser activo terá que aclarar cal vai ser a súa postura sobre a pretensión de que haxa dous prezos nos contratos, de que non se teñan en conta os costes de produción ou se elimine a presenza das administracións como mecanismos de arbitraxe.

A parlamentar advertiu que os gandeiros galegos levan xa 18 meses de tempo perdido, agardando que a Xunta asuma as súas responsabilidades e dea pasos positivos neste ámbito, lonxe dos “refritos” e dos “sumatorios” de axudas que xa existían e que presentaron de forma propagandística no Plan Estratéxico para o sector.

Paz advertiu que o conselleiro debe asumir que ten instrumentos legais e competencias para executar medidas que palíen a actual situación do sector en Galiza, cos prezos máis baixos da UE, e compensar así dalgunha maneira estes meses durante os que os gandeiros deixaron de ingresar 200 millóns de euros, alén das perdas “que seguro suman moito máis”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]