O PP oponse no Parlamento a desmantelar o encoro da Baxe

Santiago de Compostela, 27 Outubro 10.- A deputada do g.p do BNG Teresa Táboas advertiu  hoxe ao Partido Popular que co seu voto en contra do desmantelamento do encoro da Baxe fican retratados como un grupo que fronte á protección da saúde dos cidadáns de Caldas e do Salnés e do medio ambiente “elixen o negocio privado”.

A deputada nacionalista, durante o debate en pleno dunha proposición non de lei do BNG sobre a toxicidade que máis unha vez están a sofrir as augas do encoro, afirmou que os cidadáns teñen que saber cal á a auga que están a recibir, pois está confirmado pola OMS que pode provocar problemas intestinais ou hepáticos entre outros danos.

A parlamentar ensinou fotografías tomadas o propio domingo do estado das augas e referiuse ás últimas analíticas de Outubro, que seguen pondo de manifesto que os índices de toxicidade son preocupantes. “Non é un cadro de Monet –dixo-, non é un cadro impresionista, o que impresiona é ver esa tocidade”.

Para Táboas, o problema do Partido Popular no que atinxe ao medio ambiente é que confunde o ecoloxismo con “ser verde, pensa que para ser moderno hai que ser verde e por iso decidiron tinxir o río”, ironizou. Mais alertou que o tempo se acaba e por tanto hai que facer fronte a este problema, que se repite todos os veráns dende a construción do encoro, de forma urxente, “o que pasa unicamente por deixar correr auga”.

A deputada nacionalista chamou a atención no feito de que “non deixaran falar” ao candidato do PP á alcaldía de Caldas e recordou que este votou hai días, no concello, a favor do estudo de desmantelamento do encoro, polo que acusou aos populares de “cinismo” e afirmou que terán que aclararlle á cidadanía por que votan na Cámara unha cousa e no municipio outra.

Táboas fixo un pequeno repaso pola historia do encoro, dende o comezo da súa tramitación, e lembrou que todo o proceso foi un cúmulo de despropósitos que acadou graos de surrelismo co informe de Impacto Ambiental, no que está implicado o actual conselleiro Agustín Hernández, quen autorizou o plaxio dun proxecto de encoro en Huelva e ordenou sustituir no Informe onde falaba de especies propias do mediterráneo falar de especies de aquí ou onde puña río Guadiana poñer río Umia.

A parlamentar concluiu reiterando o emprazamento ao PP para que elixa “Umia (vida) Vs Lince Ibérico, saúde vs negocio”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]