O BNG cualifica a Lei de Augas de oportunidade perdida e lamenta que só persiga recadar

A deputada nacionalista consegue que o PP finalmente asuma unha emenda do BNG para bonificar as traídas veciñais nun 90 por cento

Santiago de Compostela, 26 Outubro 10.- A deputada do g.p do BNG Isabel Sánchez lamentou hoxe en pleno que se desaproveitara a oportunidade de facer unha auténtica Lei de Augas merecente dese nome e o PP finalmente sacara adiante unha normativa que só ten afán recadatorio e vai supor subas brutais para os petos de todos os galegos.

A deputada nacionalista reiterou que se realmente o PP e o goberno ten interese en demostrar que o principal obxectivo da lei é preservar o medio ambiente e un uso racional deste recurso, debería aceptar a emenda nacionalista pola que se pedía a supresión do canon da auga, mais non sendo así confírmase que só se trata de, vía lexislación, impoñer un novo imposto directo que vai permitir recadar á Xunta 34 millóns de euros máis que coa actual canon de saneamento.

Sánchez alertou de que o incremento da carga tributaria pode chegar ao 300 por cento, sen ter en conta a capacidade económica dos contribuintes, sen distinguir núcleos rurais urbanos ou servizos públicos e captacións propias. Mais o máis grave, sinalou, é que non concretan a partir de cando van aplicar ese canon, “se coidan moito de cando van comezar, falando xa de finais do próximo ano”, por ser conscientes de seu rexeitamente social e evitar así custes electorais nas municipais, asegurou.

Para o BNG, lembrou a deputada, cumpría unha lei que tivera en conta toda a casuística do País e garantise o acceso á auga como servizo universal, non como mercadoría ou ben comercial, senón como patrimonio colectivo cuxos usos estean regulados para un consumo racional, máis alá de crear dous novos tributos.

Asemade, era imprescindíbel, engadiu a parlamentar, cumprir cos obxectivos que establece a directiva marco da auga, e que non están presentes na lei do goberno, de aí que o verdadeiro nome deste proxecto debera ser “Lei do Canon da Augar”, reiterou.

Sobre as emendas nacionalistas que finalmente non foron aceptadas e coas que o BNG pretendía mellorar o texto, Isabel Sánchez salientou as que prevían recoñecer situacións de alegalidade como a de moitos pozos do rural, con décadas e incluso séculos de existencia, para o que se propuña unha disposición transitoria que regularizara ditos pozos e as captacións propias.

Os nacionalistas pretendían tamén introducir unha discriminación positiva co rural, pedindo que todos os núcleos de menos de 2500 habitantes estivesen exentos de canon algún, e mellorar o rigor xurídico, para que deixe de ser infración, por exemplo, os contadores non homologados.


Isabel Sánchez concluiu denunciando a “sorpresiva” intervención final do conselleiro, Agustín Hernández, ao que acusou de tentar xustificar perante a cidadanía unha lei que vai gravar a todos os galegos polo consumo da auga facéndoa pasar por ecoloxista, por “lei verde, cando é unha lei negra, polo que implica de desfeita para o recurso e para o peto de todos os fogares do País”.


Bonificación para as traídas

O BNG si conseguiu, sen embargo, que o PP cedera no que atinxe ás traídas de augas veciñais e aceptara finalmente a emenda nacionalista pola que se propón unha bonificación do 90 por cento sobre o canon para estes casos.

Trátase de recoñecer o esforzo realizado polos usuarios da auga en materia de abastecemento, a iniciativa dos nacionalistas, logo dun duro debate xa en comisión onde o PP só aceptaba bonificar nun 80 por cento. Finalmente, o deputado popular asumiu “in extremis” dar a razón aos nacionalistas a unha emenda que se votou de xeito individual e que foi respaldada por unanimidade.





 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]