O BNG denuncia a "discrecionalidade" na orde para asignar novos parques eólicos

Santiago de Compostela, 22 Outubro 10.- O deputado do g.p do BNG Henrique Viéitez denunciou hoxe en comisión a “discrecionalidade” da orde de 29 de Marzo para asignar novos parques eólicos, toda vez que queda en mans da Comisión de Valoración, “pero sen criterios neutrais e obxectivos coñecidos”, decidir que plans industriais son de especial trascendencia.

Viéitez, que defendeu unha iniciativa parlamentar do BNG neste sentido, lembrou que a dita orde contempla que a potencia máxima dos parques eólicos seleccionados dun mesmos solicitante será de 350 MW mais incorpora unha excepcionalidade, que poden superar ese tope, a daqueles proxectos que teñan asociado un plan industrial de especial trascendencia para o desenvolvemento socioeconómico de Galiza.

O deputado nacionalista asegurou que ao non existir un método de avaliación prestablecido e coñecido por todos os participantes, senón ficar a criterio da comisión de avaliación, existe moita inseguridade e desconfianza no sector.

Un sector, engadiu o parlamentar, que é víctima dun concurso que vén precedido dunha “actuación irregular” por parte do actual goberno da Xunta, que o ten paralizado e que aínda non puido demostrar que houbera ningunha tacha de legalidade no concurso que deixou feito o anterior Executivo.

Para Viétez, que preguntou non só polos criterios para avaliar a “transcendencia” dos Plans Industriais presentados senón tamén pola relación de promoteres, a que concellos afectan e cal é o calendario para o seu desenvolvemento, entre outras cuestións, lamentou a resposta do director xeral de Industria, Bernando Tahoces, por se limitar a aportar cualificativos “baleiros de contido” e “palabras ocas” pero non aclarar nada.

Máis ben, engadiu, veu recoñecer a discrecionalidade da orde, pois fala da valoración da Comisión “en función de” pero sen aclarar como fixeron para que efectivamente sexan criterios obxectivos e neutrais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]