O BNG reitera que a Lei de Augas do PP só persegue recadar

Santiago de Compostela, 18 outubro 10. A  portavoz de medio ambiente do g.p do BNG, Isabel Sánchez defendeu hoxe, en sede parlamentar, a necesidade dunha ordenación e regulación dos distintos usos da auga que recolla “todas as casuísticas do territorio galego e das demandas de acceso a auga en Galiza” ademais de garantir a auga coma “un servizo universal para todos e todas as galegas” e  asegure a protección e conservación dos recursos híbridos”.

A parlamentaria nacionalista denunciou o “afán recadador desta lei a través do canon da auga” única finalidade deste proxecto que –na súa opinión – “pouco ou nada ten a ver coa calidade da auga e dos ecosistemas como require a Directiva Marco”.

Sánchez reiterou que ao non prosperar a retirada do proxecto como o BNG reclamaba, foron presentadas 33 emendas para conseguir mellorar este texto .
 
Sánchez, na súa intervención,  no debate celebrado na Comisión 2ª de Ordenación do Territorio,Obras Públicas e Medio Ambiente, afirmou que “ dende o BNG pedimos a supresión do artigo 42 polo que se crea o canon da auga” xa que –dixo- “suporía un novo imposto indirecto incrementando a carga tributaria sobre o uso real ou potencial”  deste ben, sen ter en conta a capacidade económica dos contribuíntes,  a súa condición socioeconómica e laboral, se pertencen a núcleos urbanos ou rurais ou se o abastecemento faise a través  servizos  públicos ou capaptacións propias (pozos ou traídas).

Sobre as captacións propias, o BNG propuña unha bonificación do 90% en recoñecemento do esforzo realizado polos usuarios da auga en materia de abastecemento. A proposta foi rexeitada polo PP que modificou o seu propio texto da lei pola que se compromete a bonificar nun 80%  a todos aqueles que teñan ou non abastecemento público ou saneamento. Esta circunstancia significou para a deputada do BNG que o PP da a razón ao Bloque Nacionalista Galego.  

Por outra banda, o BNG acadou que se exclúa o canon da auga naqueles núcleos de poboación  con menos de 2.500 habitantes co obxecto de aplicar políticas de discriminación positiva ao medio rural.

Asemade a nacionalista, pretendía  manter a cota do canón para os usos de refrixeración e incrementar os da produción de enerxía hidroeléctrica, tanto na parte fixa da cota como na parte variable, pero o Partido popular rexeitou esta proposta.

Finalmente, Isabel Sánchez defendeu que esta lei conteña unha previsión mínima de riscos de inundacións e secas e para iso defendeu a regulación dos encauzamentos e a ocupación das beiras dos ríos.

A lei de Augas de Galiza  continuará o seu trámite parlamentario coa súa aprobación en sesión plenaria.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]