Aymerich advirte sobre o "preocupante impacto" dos orzamentos 2011 sobre o benestar dos galegos

Santiago de Compostela, 18 Outubro 10.- O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich, advertiu hoxe que a un día de que a Xunta aprobe o proxecto de Orzamentos para o 2011 dende o BNG “vemos con preocupación o impacto que van ter sobre todo no benestar de todos os galegos e galegas” pois considera, polos dados que se coñecen, que é falso que non vaian afectar ao gasto social e non inclúe programas para facer fronte á crise.

Aymerich, en rolda de prensa posterior á reunión de grupo, asegurou que non se ven por ningures políticas para apoiar aos sectores económicos do País nin para combater o desemprego e, no que atinxe ao gasto social, un non sabe con que declaracións quedarse, dixo, pois a pasada semana Feijóo falaba de “reducir para manter o esencial” e no esencial incluía aos dependentes, mais esta fin de semana a conselleira do ramo, Beatriz Mato, anunciaba que os dependentes en tramitación non van ter axudas e hoxe mesmo a conselleira de Facendo se situaba nun termo medio dos dous e fala dunha caída mínima no social.

O portavoz parlamentar ironizou e preguntouse que é para Feijóo o esencial e que un servizo adicional, pois polo de agora todo o apunta, na súa opinión, a que servizos adicionais son o Noitebús, os comedores escolares, os profesores públicos, pechar camas nos hospitais no verán ou os dependentes. Neste sentido, lamentou que o presidente da Xunta se ampare para xustificar os recortes en que o Goberno do Estado non se porta ben con Galiza, “o que é certo e aí ten todo o noso apoio”, pero lembroulle que a Xunta ten marxe para actuar.

A este respecto, púxolle como exemplo que en vez de comportarse como unha Deputación provincial en Madrid incremente o tramo autonómico do IRPF para as rendas máis altas en vez de crear un imposto indirecto como o do canon da auga, que hoxe continuou o seu trámite parlamentar en comisión, que van ter que pagar todos os galegos e galegos malia a súa inxustiza.

Aymerich afirmou que cando as medias son serias e racionalizadas, aí está o BNG para apoialas, como no caso da prescripción de receitas por principio activo, mais convidou ao goberno a que con esta medida, que se supón vai implicar un aforro de 9 millóns de euros ao mes, se invistan eses cartos na mellora do sistema sanitario galego. Con ese aforro, asegurou, en tres anos se podería pagar o novo hospital de Vigo en vez de ter que recurrir á súa privatización ou se poderían evitar tamén os fórmulas concesionais para os novos centros de saúde.

Decreto do Carbón

O portavoz do grupo parlamentar do BNG quixo trasladar o seu apoio aos compañeiros da CIG en folga de fame nas Pontes polo decreto do carbón, entre os que están o ex deputado nacionalista Fernando Blanco Parga, e explicou que aí é onde se demostra quen defende realmente a xeración eléctrica de Galiza e quen actúa nunha “manobra de confusión para evitar danos eleitorais nos próximos comicios municipais”.

O deputado fixo estas afirmacións en referencia á “marcha negra” do pasado Sábado, que lle lembrou á manifestación do Fletán na que había  até “tarima para autoridades, mais nun lado estaba a tarima e noutro a xente” e neste caso, dixo, non hai que reclamar compensacións senón a retirada dun decreto que é inxusto para Galiza.

Para Aymerich, os alcaldes do Psoe que se manifestaron tiñan que ir a Madrid non á Coruña a pedir contas sobre o decreto, que Zapatero aínda anunciou esta fin de semana que se prolongará até o 2020, e que se retire para que “Galiza deixe de pagar as facturas doutros”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]