Fernando Blanco afirma que rectificar e desgravar na compra de primeira vivenda non chega, hai que ter en conta tamén os niveis de renda

Santiago de Compostela, 15 Outubro 10.- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Fernando Blanco, manterá as emendas ao proxecto de lei de medidas tributarias no imposto sobre transimisións patrimoniais porque “cómpre mellorar un proxecto que tal e como está redactado non é o que os galegos precisan nin é o máis axeitado tendo en conta o escenario económico actual”.

Fernando Blanco, durante o debate en comisión do ditame da dita lei, valorou que nos traballos da ponencia saíra adiante a emenda do BNG para evitar que as desgravacións fiscais beneficiasen aos compradores de segunda vivenda, pero advertiu que as limitacións teñen que ir máis alá e teñen que vincularse aos níveis de renda e ás caractarísticas da vivenda.

Trátase, explicou o deputado, de partir dunha concepción distinta á que recolle a Lei na súa exposición de motivos, non beneficiar aos constructores senón considerar a vivenda un dereito e axudar a que poidan exercelo as persoas con máis dificultades económicas.

O parlamentar advertiu que o proxecto a debate ten, ademais, outras eivas importantes, detectadas polo “duro informe” do Consello Económico e Social, como o propio feito da súa “premura” e “urxencia”, un tipo de tramitación que para este organismo se está convertindo en demasiado frecuente.

Asemade, segundo Blanco, o CES considera que hai dúbidas máis que razonabeis de que a lei vai ter consecuencias directas na contratación na construción, non aporta dados concretos, é confusa e “non parece razonábel nestes momentos”.

Plan Estratéxico


Por outra parte, o deputado nacionalista, no transcurso da mesma comisión, preguntou se cre o goberno que unha reducción tan importante dos recursos da que se está a falar respecto do Plan Estratéxico 2010-2014 vai permitir a  chamada segunda modernización de Galiza.

Blanco reiterou que cada día está máis claro que o dito Plan é unha “declaración”, un “recoñecemento” do Goberno de que “non hai solución para nada en catro anos” e, por tanto, Feijóo non só “non nos vai sacar da crise senón que asume que esta se vai manter, como mínimo até o 2013, período durante o que só vai haber endebedamento”.

O parlamentar insistiu en que é preciso unha reprogramación de prazos e financiamentos e priorizar os distintos plans que integran ese programa 2010-2014 para que realmente poida ser efectivo e poida cumprir o obxectivo de contribuir ao desenvolvemento económico do País.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]