O BNG pide ao Goberno da Xunta que asuma a súa responabilidade e poña enriba da mesa medidas para facer fronte á situación laboral dos traballadores galegos

Santiago de Compostela, 14 Outubro 10.-  O deputado do g.p do BNG Henrique Viéitez advertiu ao goberno da Xunta que tamén ten que asumir a súa responsabilidade perante a situación laboral que sofren os galegos e pór enriba da mesa medidas para solventala, pois até o de agora só “demostraron falta de eficacia e compromiso”.

Viéitez, que interpelou en pleno á conselleira de Traballo sobre as consecuencias en Galiza da reforma laboral, propuxo que, para empezar, se executen os orzamentos, pois non é de recibo que ficara sen gastar un 22 por cento dos presupostos de Traballo e un 33 por cento dos de Industria en 2009 e en 2010 se aplicaran recortes en partidas que son vitais para sacar adiante políticas activas de emprego e de desenvolvemento do tecido produtivo, coas que supostamente estaba comprometido Feijóo “máis a realidade non é así”.

Neste sentido, lembrou que co Plan Estratéxico 2010-2014  xa presentan un horizonte de catro anos de recortes de 1.702 millóns de euros en políticas de dinamización económica, crecemento e emprego  e de 5.815 millón de euros en cohesión social, benestar e calidade de vida.

Viéitez reiterou que a reforma laboral aprobada é unha reforma unilateral, que tivo unha grande contestación social e que inclúe fórmulas “caducas” e “conservadoras” como considerar que só e posíbel saír da crise a costa dos traballadores e de precarizar o traballo.

Para o deputado do BNG cómpre salientara algúns datos para situarnos, pois mentres en Marzo de 2009 o número de desempregados era de 211.000, en Marzo de 2010 a cifra ascendeu a 236.000; en canto a contratos indefinidos, que supostamente ían ser os máis favorecidos pola reforma, descenden de forma alarmante e se en 2009 supuñan o 12,57 por cento, en Marzo de 2010 eran o 10,78, máis os dados de Setembro xa o reducen ao 7,98  e en catro a taxa de emprego retrocedemos sete anos.

O deputado nacionalista insistiu en que o goberno da Xunta ten responsabilidade porque en ano e medio estivo ausente do mundo do traballo e hai cuestións “que están na súa man”, asegurou, como a negociación colectiva que nestes momentos está paralizada ou evitar que existan condicións “precarias” e “escravas” dalgúns traballadores en obras públicas, non só do Estado senón tamén da Xunta.

Asemade, sobre a reforma votada en Madrid replicou que non chega con opoñerse a ela senón que o que tiña que ter feito o PP é non consentila e a realidade é que  “os únicos que votamos en contra fomos os nacionalistas”.

Cál é a reforma que defenden,preguntou Viéitez?, a de Pedro Arias que pedía un ERE na Administración autonómica, a de Rajoy que propuña despedir ao 50% dos traballadores eventuais na administración ou a da Sra. Mato de asinar expedientes de regulación de empregos sen  “tremerlle  a man”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]