Carme Adán: “O Conselleiro de Educación só está preocupado polo ensino da lingua inglesa mentras recorta o ensino público”

A deputada do BNG trasladou á Cámara galega o malestar da comunidade educativa,organizacións sindicais, AMPAS e profesorado  porque a Consellaría de Educación os abandonou, hai tempo, ao seu albur

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2010.-Pleno. A portavoz de educación do BNG, Carme Adán afirmou hoxe, trala comparecencia do Conselleiro de Educación en sesión plenaria, que “ o Conselleiro de Educación está moi preocupado polo ensino da lingua inglesa pero esquece que existe un plano de normalización lingüística en Galiza”.

Adán mostrou na Cámara galega unha carta dirixida algúns centros de ensino sobre a selección dos auxiliares de conversación durante o curso 2010-2011 acompañada dun certificado de bolsa de estudos para os seleccionados no que se reflicte que son contratados para posibilitar a formación dos auxiliares de conversación, mellorando o coñecemento da lingua e cultura española, a través de prácticas de comunicación oral de inglés no centro educativo asignado e que ademais o programa académico desta formación versará “sobre o ensino da lingua inglesa a falantes de español como lingua materna”.

Reiterou Adán o “grande recorte do ensino público” a través do proxecto avalar que prima a ensinanza concertada, os centros plurilingües concertados fronte os públicos, supresión de profesorado, peche de aulas de infantil e primaria, eliminación de educación de adultos e ciclos formativos con gran demanda.

Asemade,  a deputada do BNG cualificou de “intolerante” á Consellaría de Educación  por non ter en conta “a Real Academia Galega,  organizacións sindicais, partidos políticos, Ampas e comunidade educativa” á hora de poñer en marcha o decreto do plurilingüísmo, mesmo  desoíndo ao Consello escolar de Galiza.
Adán pediu a retirada do decreto da formación do profesorado por non ter o aval “dunha parte importantísima do Consello Escolar de Galiza” denominando “chiringuito” á nova decisión da Consellaría de Educación de crear o CAFI.

A parlamentaria nacionalista  reiterou que a política educativa do Goberno galego está a impedir que “os nenos e negas galegos poidan ter aulas de infantil en galego” e isto non é unha cuestión de régate curto -dixo- senón de visión de campo porque dentro duns anos atoparémonos cun “sistema público desmantelado”.

A deputada  concluíu a súa intervención afirmando que existe un gran número de profesores e profesoras que levan parte, ou toda a súa vida docente impartindo clases en galego e agora “téñeno prohibido”, nunha  lingua –dixo- que xa ten dabondo dificultades para seren aprendida fora da escola.

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]