O BNG nega que se suprima o Servizo Galego de Igualdade por motivos económicos e asegura que o PP mantén unha axenda oculta para desmantelar as políticas de igualdade

Pontón: “as mulleres non debemos pagar a crise económica e agora máis que nunca son necesarias políticas de reforzamento contra a discriminación ”

Santiago de Compostela, 13 de outubro, 2010. Pleno.- A portavoz de política de Igualdade do BNG, Ana Pontón rexeitou hoxe en sesión plenaria, a supresión do Servizo Galego “por motivos económicos” e afirmou que o Partido popular mantén “unha axenda oculta para recortar políticas de igualdade”.

O BNG emendou o proxecto para impedir a supresión do SGI

Na súa intervención, deputada do BNG retou ao Partido popular a aceptar  as emendas nacionalistas  que impedían que o Goberno galego suprimira o SGI” porque “desaparecerán as garantías legais das políticas de igualdade” e estas políticas deben ser reforzadas porque as mulleres “non temos que pagar a crise económica”.

Pontón insistiu que este organismo foi creado por Lei, e agora o Partido popular quere eliminalo, decisión  que –ao seu xuízo-, representará  “ un importante retroceso” na loita contra a discriminación e desigualdade das mulleres.

Por esta  razón,  o BNG  presentou unha emenda para paralizar o trámite  deste proxecto e reiterou que o Goberno de Feijoo “ segue restando recursos económicos e humanos na  loita contra a discriminación das mulleres”.

O PP mantén tres falsidades para suprimir o SGI

Ana Pontón explicou que os argumentos utilizados polo Partido popular para  suprimir este servizo, están baseados en tres falsidades que converten en “aberrante” a supresión deste servizo.
Por unha banda, -afirmou-, o PP fálanos de austeridade pero seguen  mantendo  fundacións comarcais, crearán a fundación  Camilo José Cela  e un Instituto da xuventude. Por outra, engadiu, seguen obsesionados con superar a “herdanza do goberno bipartito” e  finalmente, pretenden  convencernos de que esta medida vai dirixida ao aforro, cando en realidade, -dixo- este servizo mantén un salario e un aluguer que poden  ser absorbidos pola administración sen  necesidade de suprimir o SGI, só hai que modificar a lei para que a directora teña rango de Secretaria Xeral de Igualdade.
Para o PP, as políticas de igualdade son supletorias.

A deputada do BNG reiterou a importancia do mantemento deste servizo destinado a políticas de igualdade e criticou que o Partido popular  as considere “supletorias” e mesmo manteña unha “axenda política oculta” dirixida a desmantelar e facer retroceder as políticas de igualdade.

O proxecto de lei  para suprimir o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e Muller e a modificación de  artigos da lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, foi aprobado só cos votos do g.p do Partido popular.
 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]