Táboas cualifica o Plan Move de "Plan Avatar" e alerta sobre os riscos da "concesión de dominio público"

Santiago de Compostela, 13 Outubro 10.- A portavoz de  Infraestructuras do g.p do BNG, Teresa Táboas, denunciou hoxe en pleno que o Plan Move realmente semella o “Plan Avatar”, un plan de ciencia ficción, pois un ano depois, explicou, o conselleiro veu á Cámara a dicir exactamente o mesmo: meras “inconcrecións” e “nada de realismo”.

Táboas advertiu que até o de agora as obras do dito Plan só aparecen nos carteis e o conselleiro segue sen incluir no mesmo o transporte público e o tren de cercanías que o BNG reclama de forma teimuda e que son os principais aspectos que deberían aparecer se realmente se estivera a falar dun Plan integral.

Para a parlamentar, ademais de se cometer os mesmos erros que o BNG detectou na comparecencia do pasado ano de presentación do Plan e de volver a “xogar cos números”, hai unha novidade “que nos ten especialmente preocupados, que me fixo saltar a alarma” e que ten a ver coa figura de financiamento extraorzamentaria da “Concesión de Dominio público”.

A deputada nacionalista instou a Agustín Hernández a aclarar en que consiste este modelo, se pretende “seguir a experimentar” cos recursos de todos os galegos, como fixo con Carballo-Berdoias, ou se acaso fala “de volver á Idade Media e ter que pagar ao señor feudal polas peaxes”.

Custe para arcas públicas

Neste sentido, engadiu que ten que explicar os riscos que vai implicar ese modelo e cal vai ser o seu custe para as arcas públicas, quen vai reembolsar a financiación en caso de rescisión anticipada dos contratos, pois polo de agora o único que se garante, denunciou a deputada, é que non vai implicar risco para as empresas, “mais vostede está aquí para gobernar, non para favorecer ao empresariado nin para tomarnos o pelo”.

A parlamentar concluiu lamentando a falta de respeto do Conselleiro polo Parlamento e que sempre fuxa de respostar ás preguntas do BNG,  “porque nós sempre o poñemos sobre as cordas”, dixo, e lle demostramos que o seu Plan “se move tanto como o vento”, concluiu.

Comisión de Investigación

Por outra parte, a deputada defendeu o voto a favor do BNG á creazón dunha Comisión de Investigación sobre a autovía Carballo-Berdoias, pois cómpre pór enriba da mesa, dixo, todos os dados sobre a mesa de contratación e todos os documentos que existen sobre a súa tramitación, xa que se está a falar de 400 millóns de euros de diferencia entre uns proxectos e outros que son moitos recusos que se poderían adicar a outros investimentos moi necesarios para o País.

Táboas afirmou que se o PP de verdade quere dar clases de “democracia” e de “transparencia” debía apoiar a creazón da Comisión, mais na súa opinión o único que están a demostrar coa súa actuación é que o discurso da “austeridade” non é certo e  “tentan tomar o pelo a todos os galegos”, evitando dar resposta os distintos interrogantes que xurden en torno ao proceso de contratación.

Moitas sombras

A parlamentar reiterou preguntas, tal e como xa fixera o luns na comparecencia de Agustín Hernández, como por que non se continuou co proceso de licitación se non había ningún problema?, por que se cesou á directora xeral ou por que, se o novo modelo elexido é tan bo, non se elexiu antes?. “Aquí hai moitas sombras e estamos ante un proceso gravísimo, cecais o máis grave, en materia de infraestructuras, da historia do goberno autonómico”.

“”É moi difícil xustificar o inxustificábel”, advertiu, e lamentou que mentres se estaba a debater sobre un asunto tan serio, no que están en xogo cartos de todos os galegos, o conselleiro estivera a rir, “400 millóns de euros lle parece motivo de risa? –afirmou- pois a nós nos parece un motivo para que vostede non estivera sentado aí, se formara parte dun goberno responsábel”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]