O BNG forzará no Parlamento a votación da vixencia de Lei de Normalización Lingüística no tocante ao respecto dos topónimos


Santiago de Compostela, 10 Outubro 10.-  O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, levará a polémica do topónimo da Coruña á Cámara e forzará unha votación na mesma sobre a defensa da vixencia da Lei de Normalización Lingüística, no tocante ao respecto á toponimia galega e especificamente no relativo á oficialización da única forma legal e xenuina do topónimo da cidade herculina.

 
Bieito Lobeira rexistrou unha proposición non de lei co obxecto de que os grupos teñan que aclarar a súa postura sobre este asunto e comprobar así se o PP avala ou non o “ataque” e “provocación” do seu candidato pola Coruña, Carlos Negreira, que pretende “oficializar a imposición” do topónimo deturpado de La Coruña.
 

Lobeira lembra que non só a Lei de Normalización, senón a Lei 3/1998 aprobada polas Cortes e diferentes e reiteradas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza, Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional dan cobertura legal ao nome xenuino galego.
 

Para o deputado nacionalista, só a “ignorancia máis desacomplexada” e a “zunia contra Galiza” poden xustificar esta actitude “ruin” e “indigna” de Negreira e, por ende, do propio presidente da Xunta, que ten a obriga estatutaria de defender a identidade de Galiza e potenciar o emprego do idioma propio do País.
 

O parlamentar cualifica de “bochornoso” e “patético” que se utilice o argumento da liberdade para fundamentar un ataque destas características pois na súa opinión a destrución dunha lingua non é un acto de liberdade e quen o practica non é defensar da mesma, senón un “etnocida” que despreza Galiza e vulnera a Lei.

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]