Aymerich pide que a Xunta non recurra as sentenzas das traballadoras das oficinas de I+B e as reoña nos seus postos

Santiago de Compostela, 8 Outubro 10.- O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich, emprazou hoxe ao Xerente do Consorcio a non recurrir as sentenzas das traballadoras despedidas das oficinas de I+B e repoñelas nos seus postos, non só para recoñecer deste xeito que levaban razón senón tamén como vía para garantir o desenvolvemento dos programas de menores, familia e igualdade que se estaban a realizar.

Aymerich, durante o debate en comisión dunha pregunta do BNG sobre este asunto, asumiu que a Xunta vai dicir non a esta proposta e denunciou que logo de anular as bases para acceder a un posto no Consorcio, este goberno foi incapaz de pór en marcha outro procedemento, “pois lles interesa recurrir ás listas de agarda que non son públicas ou ás oficinas de emprego procurando perfís que sospeitosamente coinciden co curriculum de persoas achegadas ao PP”.

O portavoz parlamentar denunciou tamén que após 16 meses, os traballadores do Consorcio seguen sen convenio colectivo e as oficinas de I+B carecen de política en familia, menores e igualdade, ficando reducido o seu plantel a apenas 2 ou 3 persoas (fronte ás seis que había antes) coa conseguinte redución da capacidade de intervención dos servizos sociais e o correlativo colapso dos servizos municipais.

O voceiro do BNG reiterou que non é congruente coa suposta política de austeridade da Xunta gastar en despedir ou agora indemnizar ás traballadoras os recursos que se poderían empregar en prestar mellores servizos sociais e en concreto aplicar os programas autonómicos en materia de menores, familia e igualdade, o contrario é unha demostración de cal é a “política de sensibilidade social do PP”.

Ensino Infantil

Por outra parte, Aymerich, no transcurso da mesma comisión, preguntou tamén polas previsións da Xunta para cubrir a demanda de prazas públicas de ensino infantil de 0 a 3 anos e para integrar as dúas redes existentes neste momento, dependentes da Consellería de Benestar por un lado e do Consorcio por outro.

O portavoz nacionalista lembrou que o actual goberno, dende que está na Xunta, só abriu 6 centros novos e prantexou cantas prazas crearon que non respondan a centros concertados ou proxectados polo goberno anterior.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]