O BNG denuncia que a reformulación dos Premios Nacionais da Cultura só busca reducir o seu alcance por ter como obxecto recoñecer a cultura galega

Santiago de Compostela, 6 Outubro 10.- A voceira de Cultura do g.p do BNG, Ana Pontón, ven de denunciar que a “reformulación” dos Premios Nacionais da Cultura Galega á que se comprometeu o conselleiro, Roberto Varela, o pasado mes de Marzo, consista finalmente nunha redución das categorías premiadas e a eliminación da remuneración económica.

Para a deputada nacionalista, só pode explicar esta decisión a crenza, entre quen outorga os premios, de que non hai que darlles moito valor nin  prestixiar uns galardóns que teñen como destinataria a cultura galega.

“É precisamente esta concepción de fondo –engade- o que máis nos preocupa: comprobar o escaso valor que a Xunta lle confire á cultura do País, aos nosos creadores e creadoras e ao noso tecido cultural”.

Ana Pontón considera que esta reformulación dos premios, non obstante, tampouco sorprende tanto pois é o correlato da política de “desdén” e “desprezo” pola cultura galega que practica o goberno do PP, nomeadamente a través da Consellería.

A deputada lembra que na súa comparecencia no Parlamento Roberto Varela anunciara uns novos premios que quedarían reducidos a cinco categorías mais estarían dotados igualmente de 15.000 euros, como na última convocatoria de 2008. Xa naquel momento, tanto o BNG como o mundo cultural galego rexeitaron esta proposta, por quedar fóra a música e o audiovisual. Ana Pontón valora que a consellería rectificara, obrigada pola presión, e finalmente si os inclúa mais lamenta que non correran a mesma sorte a Arquitectura, a cultura de base, a científica ou a Iniciativa Cultural.

Neste sentido, chama a atención que, sen embargo, se premie á difusión da cultura no exterior, en detrimento de todas aquelas persoas e entidades que fan un inxente labor no País de espallamento e difusión da cultura no propio País.

Sobre a dotación económica, a parlamentar recoñece que a situación de crise obriga a ser moi cautos coa racionalización de recursos pero considera que neste caso concreto merece unha aclaración, pois a decisión nada ten a ver coa suposta “austeridade” pois non é unha liña que estea seguindo o goberno en relación cos numerosos galardóns doutro tipo e doutras consellerías que se outorgan anualmente.

A inmensa maioría destas convocatorias, explica, pode dicirse que máis do 90 por cento, teñen remuneración económica, polo que o feito de que se decida eliminala precisamente neste caso ten un trasfondo ideolóxico e politico non orzamentario.

Ademais, conclúe a deputada, o propio conselleiro, en sede parlamentar, comprometeuse a manter a cuantía dos 15.000 euros, “terá que explicar por que desminte os seus propios anuncios, ou porque actúa con improvisación e sen criterio ou porque despreza a Cámara galega e ven falar a ela sen ningún tipo de rigor”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]