Grazas ao BNG, a Xunta acometerá os traballos de catalogación e escavación arqueolóxica no monte Baixo de Oia no que existe un asentamento con abundante material romano

Carme Adán afirmou  que neste lugar produciuse un importante movemento de terras por mor da colocación de postes para unha plantación de kiwis, a pesar do patrimonio existente  

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2010. A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe, na comisión de Educación e Cultura celebrada no Parlamento galego, una proposición non de lei pola que se insta á Xunta de Galiza  a acometer a escavación arqueolóxica no xacemento ACH36036008 que ocupa varios centos de metros cadrados e no que existe un asentamento agrogandeiro vinculado á riqueza aurífera da Groba e do Argalo de hai uns 1800 anos, así como a catalogación da zona.

O BNG acadou un acordo por unanimidade na Cámara galega polo que a Xunta acometerá obras de escavación arqueolóxica e protección de petróglifos na serra da Groba.

A deputada nacionalista explicou na súa intervención que, a Comunicade de Montes Veciñais en  man común de San Pedro de Burgueira de Oia concedeu, por 30 anos a mans privadas, terreos para unha plantación de kiwi na que se atopa unha parcela con dous xacementos catalogados.

No mes de abril do 2010, membros do Instituto de Estudos Miñoranos – argumentou a deputada- “comprobaron o destrozo dun petróglifo así como o intenso movemento de terras no monte para colocar os postes da posterior plantación de kiwi”.

A deputada do BNG cualificou estas actuacións de “moi graves” contra o patrimonio cultural e aludiu  as declaracións do propio alcalde de Oia nas que afirmaba  que “ Oia ten que mirar para o futuro, non para o pasado, e unha pedras non poden ser obstáculo para que se poida producir”.

Adán reiterou a necesidade de recuperar os vestixios arqueolóxicos de abundante material romano ubicado nesta zona porque o lóxico -dixo-  “ é que  os xacementos catalogados sexan  protexidos” pero ademais, engadiu   que existen máis de cen xacementos sen catalogar que corren o perigo de “seren arrasados”.

A proposición non de Lei do BNG, defendida pola deputada Carme Adán, acadou o apoio de socialistas e conservadores polo que as serras da Groba e Argalo contarán co apoio da Xunta de Galiza e as accións necesarias para a recuperación  do asentamento agrogandeiro  milenario destas serras

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]