Aymerich esixe coñecer as cifras concretas do novo Plan de Financiación Universitaria, nomeadamente para o 2011

Santiago de Compostela, 5 Outubro 10.- O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich, emprazou hoxe ao secretario xeral de Universidades a que deixe de falar de criterios, indicadores e grandes cifras e diga de cantos cartos realmente dispón o novo Plan de Financiamento para as Universidades galegas, nomeadamente para o próximo ano, pois se efectivamente se van transferir 2000 millóns de euros para todo o Plan, deberían corresponder 400 millóns por ano, mais a realidade, advertiu, semella que vai ser a dun grande recorte.

Aymerich, durante a comparecencia do secretario xeral, explicou que todo indica que o recorte orzamentario para o ensino superior o próximo ano vai ser brutal e o modelo polo que se vai apostar é o da falta de converxencia interna entre Universidades, “o que nos vai levar a retroceder 20 anos e aplicar esa política de mandar estudar fóra ao alumnado, mais este non é o noso modelo –dixo-, que Feijóo quera viaxar todas as fins de semana non significa que os estudantes galegos teñan que irse a Madrid”.

O portavoz parlamentar advertiu da incerteza que hai entre os investigadores e os docentes perante esta situación de indefinición fronte ao futuro e asegurou que de ahí o seguimento masivo no ámbito universitario da folga do pasado 29-S. Recoñeceu, non obstante, que a estes docentes hai que esixirlles e hai que advogar por un uso eficiente dos recursos pero unha cousa é iso, explicou, e outra renunciar á converxencia, recortar drasticamente  o orzamento e aplicar políticas procíclicas, é dicir, mentres outros países, en situacións de crise, o que precisamente incrementan é o I+D+I, aquí faise á inversa e o seu orzamento vai incluido neses 2000 millóns anunciados hoxe polo secretario xeral, sinalou.

Neste sentido, lamentou que o Plan de Austeridade para o ensino superior veña definido xa polo goberno do Estado pero reiterou que en Galiza a Xunta amplía estas políticas, “malia que teñamos o menor financiamento por alumno de España, concretamente no caso da Coruña”.

Para o deputado do BNG, o secretario xeral non pode falar de que existe un consenso sobre o novo Plan, porque o único que houbo até o de agora, lembrou, foi unha toma de coñecemento do mesmo por parte das tres universidades, mais dun documento “vago” sobre o que non se elaborou ningún informe favorábel, “e así seguimos, a uns meses de que o Plan actual remate (2004-2010)”. A este respecto, sobre prazos que rematan, preguntou tamén onde están alomenos os borradores do tan anunciado Plan de Ciencia e Tecnoloxía previsto para o 2010 e que foi daquela Axencia de I+D+I.






 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]