Fernando Blanco acusa a PP e PSdeG de “subordinar o Parlamento aos intereses dos poderes fácticos”
Santiago de Compostela, 28 Setembro 10.- O portavoz de Economía do g.p do BNG, Fernando Blanco, defendeu hoxe a emenda á totalidade á reforma da Lei de Caixas para recuperar o “consenso” e o “espíritu” que tanto traballo costou hai oito meses cando se aprobou esta nova normativa e advertiu que o BNG “non vai ceder a chantaxes e ningunear o Parlamento ao que pertencemos, pois alomenos nós estamos orgullosos de pertencer a el”.
Blanco, durante o debate en pleno da disposición transitoria na Lei, lembrou que o papel da Cámara ten que ser verificar que a fusión cumpre cos requisitos e o escenario de xogo recollido na lexislación, non invertir o proceso e que as entidades pacten entre elas e a Xunta tente lexitimar no Parlamento eses pactos, pois iso é subordinar o Parlamento aos intereses dos poderes fácticos, afirmou.
Para o deputado nacionalista, este xeito de actuar é concebir o Parlamento como unha “delegación” das Caixas “e nós non podemos compartir ese criterio, nós non somos delegación de ninguén”. Blanco preguntouse, ademais, como é posíbel que se faga unha Lei para dar unha volta importante ás actuacións das Caixas e o papel que deben xogar e logo “se pacte” que todo siga como estaba.
Neste sentido, lembrou que hai meses había quen falaba da falta de viabilidade da fusión, destas entidades, que ían ser intervidas, había quen prefería opar por un SIP e, sen embargo, hoxe, “non se ruborizan” á hora de cambiar as reglas do xogo para que nada cambie e “nos saltemos, por exemplo, o límite de idade para que os de 80 manden ao paro aos de 52”, algo que, segundo Blanco, non é nin ético nin responsábel e, ademais, vai en contra da profesionalización da nova Caixa que se perseguía coa Lei.
O deputado nacionalista replicou ao voceiro do PP que el mesmo e a conselleira recoñeceron que se non se adoptaba o acordo de hoxe a fusión reventaba “e isto é chantaxe”, reiterou, “é subordinar o Parlamento ás decisións de outros”.
A este respecto, concluiu que o que hai que facer é cumprir a Lei, tamén no período transitorio destes tres anos, e se hai alguén que nesas condicións non quere a fusión “que salga e o explique”.