Aymerich insta a Feijóo a facer “autocrítica” e “rectificar” pondo sobre a mesa un novo modelo de financiamento autonómico

 Santiago de Compostela, 27 Setembro 10.- O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich, pediu ao goberno de Núñez Feijóo un exercicio de “autocrítica” e “rectificación” nas súas políticas para facer fronte á crise, pois non pode andar a queixarse das medidas de Zapatero cando el está facendo seguidismo das mesmas e incluso ampliándoas, afirmou.

Aymerich, na rolda de prensa posterior á reunión de grupo, asegurou que a Xunta terá todo o apoio do BNG  para denunciar perante o Estado os recortes orzamentarios que son inxustos para Galiza pero iso pasa, lembrou, por pór enriba da mesa un novo modelo de financiamento que non sexa lesivo para o País.

Neste sentido, o portavoz parlamentar advertiu a Feijóo que ten que facer exame de conciencia por ter asinado un sistema que vai en contra dos intereses de Galiza e telo feito, ademais, incumprindo un mandato parlamentar.

Para Aymerich, efectivamente, é unha mala nova, tal e como denunciou a conselleira de Facenda, que Galiza vaia ingresar 1207 millóns de euros menos dos orzamentos do Estado, pero advertiu que mesmo no pleno de mañá Feijóo vai dar boa conta de que as súas políticas de recortes e de axustes son iguais, pois considera “servizos adicionais” a necesidade de máis profesores no ensino público ou a cobertura de prazas na sanidade mentres que aproba unha Lei de rebaixa de impostos non para axudar aos que peor o están pasando senón para os compradores dunha segunda residencia.

Outro exemplo, segundo o portavoz nacionalista, é que neste pleno se vai consumar a reforma da Lei de Caixas para beneficiar aos seus directivos. “Para quen traballa, entón, este goberno?”, preguntouse e reiterou que a próxima folga do mércores, que vai marcar precisamente esta sesión plenaria, non é só contra a política de Zapatero, “que por primeira vez na historia do Estado vai subvencionar o despedimento en vez das contratacións”, senón tamén contra a de Núñez Feijóo.

Aymerich volveu facer un chamamento á participación e insistiu en que o BNG estará o mércores exercendo o dereito á folga e participando para estar coa xente que realmente o está pasando mal e traer os seus problemas ao próximo pleno.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]