A Mesa do Congreso censura preguntas do BNG sobre a viaxe do rei a Botsuana

Madrid, 8 Maio 2012. A Mesa do Congreso dos Deputados censurou hoxe parte da iniciativa parlamentar presentada polo BNG en relación á viaxe do pasado 9 de abril do rei Juan Carlos a Botsuana.

A Mesa decidiu só aceitar aquelas preguntas de Jorquera que se dirixen directamente á xestión do Goberno pero denegou as cuestións destinadas directamente á Casa Real.
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrara unha batería de preguntas sobre diversos aspeitos relacionados coa viaxe do rei a Botsuana. “Informou a Casa Real ao Goberno da viaxe do rei Juan Carlos a Botsuana o pasado 9 de abril? De ser así, deu a conformidade á viaxe? Coñece o Goberno como se financiou esta viaxe do Xefe de Estado? Foi con financiación privada? En caso afirmativo, o personal de seguridade que acompañou ao rei é o asignado á Casa Real, que está financiado con cargo ao erario público?”.

Ademáis, Jorquera preguntaba ao Goberno por que razón só recortou nun 2% o orzamento destinado á Casa Real cando reduciu en porcentaxes dun 19% o orzamento de Ministerios importantes como educación ou sanidade?”. E reprochaba ao Goberno esta dupla vara de medir xa que é difícil de entender por parte das maiorías sociais que van ter que asumir o repago farmacéutico, o aumento desmesurado das matrículas universitarias ou recortes en servizos básicos esenciais.

O portavoz do BNG no Congreso considera que “os gastos da Casa Real deben rexirse por unha total transparencia posto que os seus ingresos proveñen dos Orzamentos Xerais do Estado. Ademáis, é o Xefe de Estado e debería informar das dúbidas e cuestións que diversos deputados temos formulado sobre a opaca viaxe a Botsuana. Debería informarse con total transparencia, e desde logo, a Mesa da Cámara non debería exercer a censura coas preguntas relativas ao rei”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]