O BNG pide a comparecencia da Ministra de Medio Ambiente para que dea explicacións pola contaminación no encoro das Conchas
O senador Xosé Manuel Pérez Bouza propón que se cree unha mesa de traballo dentro do Plan Hidrolóxico da cunca Miño-Sil e Limia
Ourense, 9 Agosto 11.- O senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza vén de anunciar en rolda de prensa que vai pedir a comparecencia da Ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, para analizar a situación de contaminación que se vive no encoro das Conchas.
Bouza subliñou que nesta comparecencia, o BNG “vaille pedir á ministra explicacións pola súa pasividade e a da Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil, dependente da Administración estatal ante a elevada contaminación deste encoro”. Mais, o nacionalismo galego tamén quere trasladarlle a Rosa Aguilar as súas propostas para solucionar esta situación, entre as que están “a creación dunha mesa de traballo na que estarían os técnicos das Administracións competentes, expertos das Universidades galegas e representantes dos veciños e veciñas para buscar solucións e evitar que se repita esta situación”.
Esta mesa de traballo crearíase ao abeiro do Plan Hidrolóxico da cunca do Miño-Sil-Limia en tramitación na actualidade e no que, tal e como lembrou o senador, “se recoñece que a calidade das augas deste encoro é inferior á media”.
As medidas que se decidisen nesta mesa de traballo deberían aplicarse, tal e como explicou Xosé Manuel Pérez Bouza, “á maior brevidade posíbel, xa que 2015 é a data límite marcada pola UE para a depuración das masas de auga”.
Falta de respecto das Administracións
O representante do BNG lamentou “a falta de respecto das Administracións estatal e galega aos veciños e veciñas ao non facer caso algún das súas reclamacións nunha situación alarmante coma esta, xa que estamos ante un dos episodios de contaminación máis importante en Galiza nos últimos anos cunhas importantes consecuencias ambientais, sanitarias, pero tamén económicas”.
E fronte a esta realidade, tal e como lembrou Pérez Bouza, o único que se fixo foi “encargar análises periódicas que certifican unha obviedade, que as augas están contaminadas e non son aptas para o baño nin o consumo doméstico, sen ir ao fondo da cuestión, sen identificar os axentes contaminantes e a súa orixe”.
O portavoz do BNG en Bande, David Pérez, lamentou as repercusións que este episodio de contaminación ten nos concellos de Lobeira, Bande e Muíños e apuntou que xa teñen detectado un descenso no número de visitantes a esta zona, coas correspondentes perdas económicas que isto supón.
O BNG anunciou tamén o seu apoio ás reclamacións das veciñas e veciños, feito polo cal haberá unha representación nacionalista na manifestación convocada para este domingo, ás 12.30, nas Conchas.