Jorquera analiza a situación económica e política nunha entrevista en RNE

O portavoz do BNG no Congreso afirma que a sociedade percibe que a bipolarización empobrece a democracia

Santiago de Compostela, 7 Agosto 11.
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, protagonizou a entrevista que emitiu RNE no seu informativo galego que podes descargarte e escoitar íntegra.

Jorquera indicou que o anuncio de anticipar as eleccións non sorprende ao BNG xa que “era evidente que estabamos ante unha lexislatura esgotada”.

Detallou tamén o portavoz do Bloque algunhas das cuestións que lle expuxo Zapatero na conversa telefónica que mantiveron sobre a situación económica en España e a elevada cifra que acadou a prima de risco no noso país.

Para o BNG, “despois de 4 anos dunha crise que tivo a súa orixe no predominio dunha economía especulativa vencellada a mercados carentes dunha regulación e tutela pública, non é de recibo que os estados sigan suxeitos á chantaxe deste mercado”.

“Estamos pagando os pratos rotos dunha estratexia para facer fronte á crise mal encamiñada dende o principio. Non se optou por regular os mercados e pór freo á especulación e hai que romper este círculo vicioso”, afirmou.

Para o portavoz nacionalista, “é imprescindíbel modificar o papel do Banco Central Europeo, non pode estar ao servizo das políticas dos Estados. Na nosa opinión tería que mercar débeda dos estados para neutralizar os ataques especulativos, e deben emitirse eurobonos”.

O portavoz no Congreso lamentou que “un dos dramas dos tempos que vivimos é que perdemos a soberanía da política sobre a economía. Os poderes financeiros acaban sometendo a chantaxes aos estados e impoñendo as súas políticas”.

Pola contra, o BNG, tal e como lembrou o deputado “apostou dende o principio por unha estratexia que atacase as causas da crise”.

Francisco Jorquera insistiu en que, ante esta situación, o que se precisa “non é un xiro á dereita. Pode haber respostas de defensiva, de medo, que acostuma a ser proclive ao dereitismo ou mesmo a ultradereita, pero esta crise ten as súas causas no modelo económico da dereita polo que as respostas á crise non poden vir de aplicar as receitas que nos levaron á crise”.

Eleccións 20-N

Sobre a situación política no Estado, o portavoz nacionalista explicou que se dá “o paradoxo dun partido que se di socialista que aplica receitas da dereita e un PP que non ten programa alternativo e as súas propostas limitábanse a pedir o adianto das eleccións. Ante esta crise da débeda a alternativa que ofrece o PP é adiantalas aínda máis. Ogallá fose tan fácil a solución”.

O realmente necesario, tal e como lembrou Francisco Jorquera é “superar unha dialéctica de alternancia entre dous partidos políticos que encarnan no fundamental as mesmas propostas. Teñen que implementarse políticas alternativas, que teñan en conta os intereses da maioría e os intereses de Galiza”. De aí que o BNG vaia facer “unha campaña pedagóxica, didáctica na que explicaremos as nosas propostas co aval do traballo feito que foi moi ben valorado pola sociedade galega”.

“As eleccións xerais se caracterizan pola bipolarización, pero cada vez hai máis estratos da sociedade que consideran que isto empobrece a democracia”, apuntou.

Sobre os distintos inquéritos existentes, Francisco Jorquera explicou que “todos hai que valoralos con cautela”, ao tempo que lembrou que a campaña electoral ademais aínda non empezou”.

Sobre as candidaturas do BNG, o portavoz no Congreso lembrou que as asembleas comarcais aínda teñen que facer as súas propostas que pasarán polo Consello Nacional e “serán as bases do BNG as que decidan”.

Financiamento autonómico

E, finalmente, sobre a situación económica das CCAA e as demandas do presidente da Xunta neste eido, Jorquera lembrou que “hai corresponsabilidades”. Así, subliñou que o peso no conxunto da débedas públicas das administracións existentes o peso da débeda das CCAA é moi inferior á porcentaxe de gasto público que teñen que xestionar.

Jorquera apuntou que, dende o BNG “somos críticos co intento de transferir os obxectivos de défice ás CCAA até o punto de asfixiar as súas finanzas e poder contribuír á precarización de servizos públicos básicos”, mais lembrou que “o PP a nivel de Estado está verbalizando un discurso que tenta fixar a culpa de todos os males nas CCAA e dicindo que o estado autónomico non é viábel. Ou unha cousa ou outra, ou as CCAA non están ben financiadas para asumir o gasto de servizos públicos que teñen ou se aposta por recentralizar” e cualificou esta actitude como unha mostra máis da “demagoxia” do PP.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar