Ante o vertido de queroseno, Jorquera demanda ao Goberno a imediata execución do proxecto de rexeneración da Ría de O Burgo
Madrid, 5 Setembro 2011. O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou esta mañá unha perguntar parlamentar na Cámara para demandar ao Goberno que canto antes se dirixa á Xunta de Galiza para rematar xa coas tramitacións e comezar de imediato a execución do proxecto de rexeneración da Ría de O Burgo.
O deputado do BNG alude ao desastre medioambiental e socioeconómico causado polo vertido de 36.000 litros de queroseno á Ría o pasado venres. “Un desastre de grande envergadura tanto desde o punto de vista ecolóxico como económico pois a pesca e o marisqueo é o sector directamente afectado xa que se tivo que suspender cautelarmente a actividade pesqueira de 38 embarcacións”.
Jorquera menciona as hipóteses que se manexan como causas deste desastre que parecen situarse nun acto de sabotaxe. E tamén dirixe ao Goberno unha serie de perguntas respeito ao operativo de emerxencia despregado posto que contou coa intervención da Administración estatal. Así quer saber cal foi o papel do Goberno central no momento de se coñecer o vertido e en que consistiu a colaboración estatal.
A Ría de O Burgo leva anos de espera
Según as informacións publicadas a día de hoxe parece que as mareas fixeron desaparecer en torno a 22.000 litros de queroseno, e calcúlase que uns 10.000 están depositados no terreo que se estende entre a autopista e a vía do tren. “En conclusión, puntualiza, é evidente que as distintas administracións implicadas terán que facer fronte a unha serie de actuacións para logra limpar a Ría”.
Lembra que o estado da Ría de O Burgo sempre preocupou ao BNG que levou ao Congreso múltiples iniciativas ao longo destes anos. “Proba diso son as numerosas iniciativas presentadas e tamén as negociacións en diversos exercicios orzamentarios para que figurase unha partida para a rexeneración da Ría”.
Máis, lamenta Jorquera, a tan “demandada recuperación foise posponiendo até o día de hoxe cun proxecto aínda pendente de que se liciten as actuacións necesarias”. Pón de manifesto unha das últimas respostas do Goberno na que se sinalaba que para licitar o proxecto era indispensable que rematasen as actuacións de saneamento e de tratamento dos productos de dragaxe por parte da Xunta.
Para o deputado do BNG é urxente que ambas Administracións axilicen os trámites para cumprir por fin co proxecto de recuperación da Ría que leva anos de espera.