O BNG empraza a PP e PSOE a que aclaren se apoian o proxecto dun novo aproveitamento hidroeléctrico na Ribeira Sacra
O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quer saber se populares e socialistas “van defender en Madrid o acordo unánime do Parlamento Galego para que non se siga explotando a conca do Miño-Sil”
Ourense, 18 Agosto 11.- O senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza empraza ao PP e o PSOE a que “se posicionen sobre o proxecto de Ibedrola dun novo aproveitamento hidroeléctrico na Ribeira Sacra”.
Tal e como enfatizou o representante nacionalista, populares e socialistas deben “aclararlles aos galegos e galegas se van respectar o acordo unánime que votaron no Parlamento Galego para evitar que se leven adiante novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil”.
O BNG, tal e como manifestou o seu representante, “é claro neste tema e sempre se manifestou en contra de novos aproveitamentos, máxime se causan un impacto moi negativo nun entorno privilexiado, como é o caso”.
Pérez Bouza esixiu coñecer a postura do PP e subliñou como “moi sospeitoso o feito de que Iberdrola tivese toda a documentación preparada para solicitar este aproveitamento desde 2009 e agardase a iniciar o proceso para o momento en que se anuncian eleccións xerais”.
O senador nacionalista quer saber se o PSOE “comparte o posicionamento do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, de facilitarlle a Iberdrola a execución deste proxecto”.