BNG pregunta ao Ministerio de Xustiza se a reducción de partidos xudiciais suporá a supresión de xulgados
Madrid, 8 Maio 2012. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e o portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, rexistraron unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministro de Xustiza para saber se vai ter en conta a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial de reducir os partidos xudiciais en Galiza, pasando dos 45 existentes na actualidade a tan só 13.
Os parlamentares do BNG queren saber se, no caso de levarse a efecto dito plantexamento, implicará a supresión de xulgados e a conseguinte reducción de personal.
O obxectivo debería ser mellorar a calidade do servizo á cidadanía, e non empioralo
Para o BNG, unha disminución tan drástica dos partidos xudiciais, “é evidente que conlevará un recorte de xulgados, ademáis dun maior alonxamento do servizo público de múltiples poboacións que son cabeceira de comarca, sen que se avancen cais son os beneficios que proporcionará o novo mapa xudicial que se baralla”.
Davila e Jorquera poñen de manifesto que esta proposta deu lugar a unha grande polémica no territorio galego e suscitou as críticas de diversas organizacións sociais, políticas, sindicais, entre outras. Para o BNG, unha reforma da planta xudicial dese estilo suporía unha auténtica modificación do sistema xudicial con consecuencias moi negativas xa que é de supór “que levará á eliminación de xulgados, coa conseguinte repercusión sobre o personal, e un empioramento da calidade do servizo á cidadanía. A desaparición de xulgados alonxará a xustiza de moitos cidadáns que se verán obrigados a desprazarse”.
Os parlamentares do BNG no Congreso lembran que a xustiza na Galiza padece tamén situacións de grande atasco na tramitación dos seus expedientes. De feito, na Galiza precisaríanse máis xulgados para axilizar e desatascar o cúmulo de expedientes. Ademáis, puntualizan, a crise económica tamén está a afectar aos xulgados onde medran os expedientes sobre conflictos laborais.
O borrador do Consello Xeral do Poder Xudicial fixa criterios para a elaboración por parte do Ministerio do proxecto de lei de nova Planta e Demarcación Xudicial.
Revisión que se debe facer descentralizadamente
Estas son as razóns polas que Davila e Jorquera dirixen ao Ministerio unha serie de preguntas para coñecer cal é a consideración do Ministerio sobre a proposta do CXPX, se comparte ese criterio de reducción dos partidos xudiciais. “Non cre que con este tipo de medidas se vai empiorar a calidade do servizo? Que datas manexa o Ministerio para presentar o proxecto de lei de Nova Planta e Demarcación Xudicial? Non considera que a revisión do mapa xudicial se debería facer de xeito descentralizado, por parte das CC.AA, para adaptar mellor a estructura da administración de xustiza á realidade de cada territorio?Non se debería ceder dita competencia ás CC.AA?”.