Davila solicita as comparecencias De Guindos e Soria "pola alarmante situación do naval"

Madrid, 30 Abril 2012. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá dúas comparecencias de Ministros polo “considerábel retraso” que leva a resolución do problema do Tax Lease que afecta “aos nosos estaleiros privados, en concreto os situados na Ría de Vigo.

Davila e Jorquera solicitaron a comparecencia urxente do Ministro de Industria, José Manuel Soria, para que explique a que se debe o “enorme retraso por parte da Comisión Europea da Competencia que dirixe Joaquín Almunia, en resolver o expediente aberto ao Estado español con motivo das bonificacións fiscais (Tax Lease) ao sector naval privado como son os estaleiros vigueses.

Ante “a mirada pasiva e indiferente de Almunia e o PP”

Ademáis, a parlamentar do BNG pediu a comparecencia do Ministro de Economía, Luis de Guindos, para que explique por que motivo o Goberno español aínda non procedeu a modificar a lexislación fiscal que permita habilitar un Tax Lease para o sector naval dacordo aos criterios establecidos pola UE.

Davila considera que “estamos xa ante unha situación alarmante e por máis xuntas que se celebran entre o Goberno español e Almunia, continuamos agardando pola solución que non parece chegar”. A deputada do BNG lembra que “a pasividade e a indiferenza do Goberno español e do Comisario Europeo da Competencia está levando ao noso sector ao estrangulamento”.
Nese sentido, remitiuse aos recentes dados do paro que arroxaban a preocupante cifra do 25% de parados na provincia de Pontevedra. “Unha subida do número de desempregados que afecta sobre todo aos traballadores do sector naval e das auxiliares”. Puxo de manifesto que se están perdendo traballos de grande importanza por non arranxar “xa o problema das bonificacións fiscais”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]