Jorquera presenta iniciativa crítica coa intención do Goberno de cobrar nas autovías

Madrid, 9 Maio 2012. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar para preguntarlle ao Goberno pola proposta do Ministerio de Facenda de implantar fórmulas de cobro nas autovías do Estado.

Jorquera critica a posibilidade de establecer este tipo de repagos polo uso dunhas infraestruturas públicas que “os cidadáns xa custean através dos seus impostos”. Ademáis, suporía tamén, “a privatización da xestión destas autovías no caso de que o seu mantemento o asuman as concesionarias de autoestradas de peaxe”.

O PP opta por “medidas gravosas para os cidadáns”

O portavoz do BNG reprocha ao Goberno que baralle fórmulas que “supoñen un novo golpe ás economías das maiorías sociais nun contexto no que xa están a sufrir unha forte merma do seu poder adquisitivo, e no que parece que van ter que re-pagar todo”. Jorquera enfatiza que “baixo o pretexto de asegurar a sostenibilidade dos servizos e infraestruturas públicas, o Goberno está a optar por medidas inxustas e gravosas para os cidadáns como a suba de impostos indirectos, das taxas e o copago, en lugar de abordar unha reforma fiscal integral que mellore a progresividade do sistema e en lugar de loitar contra a fraude fiscal”.

O deputado do BNG explica que a proposta que está sobre a mesa do Goberno, non “só ten unha finalidade recadatoria xa que hai voces que apuntan que esta medida pretende compensar ás concesionarias de autoestradas de peaxe pola débeda de 4.000 millóns que teñen debido á perda de usuarios”.

“O PP xa non ten credibilidade”

Jorquera dirixe unha batería de preguntas ao Goberno para saber se vai implantar estes cobros nas autovías, e de ser así, que calendario manexa para establecer este novo repago. Reprocha ao Goberno que opte por “medidas inxustas e gravosas en lugar de adoptar outro tipo de medidas”.

No día no que trascendeu que a Xunta manexa a proposta de cobrar por unha taxa polo uso da rede de estradas de Galiza, e que así figura no borrador da Lei de Estradas de Galiza, Jorquera lembra que o PP de Galiza “montou un grande escándalo pola implantación de peaxes nas autovías portuguesas e agora resulta que pretende facer o mesmo na Galiza e no Estado. O PP xa non ten credibilidade e constantemente nos sorprende con medidas que cando era oposición criticaba”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]